Vídeos para a fin de semana: O anuncio de Tuenti e outras primeiras veces tecnolóxicas

As empresas de novas tecnoloxías tamén se anuncian. Saen en televisión, fan spots que agardan que sexan virais e intentan convencer do potencial da súa marca con reclamos publicitarios. Non sempre saen ben, iso está claro. Estas son algunhas das primeiras veces en publicidade das compañías tech.

1. Tuenti. A rede social estreábase en televisión con este spot para a súa operadora de telecomunicacións. Promociona o prezo do seu giga de conexión e todo o que podes facer con el, pero a canción eclípsao todo. Ou a amas ou a odias. É da axencia Miss W.D. E ollo: aínda que o odies non vas ser quen de sacar a canción da cabeza.

2. Facebook. Este anuncio non saíu en televisión. Facebook púxoo na súa home para celebrar que chegaran aos 1.ooo millóns de usuarios. Facebook é como unha cadeira, dicían. Quixo xogar coas emocións, como tan ben lle saíra a outras marcas tech, pero saíu escaldada. Non gustou nada. Os comentarios en YouTube están desactivados o que é, cando menos, sospeitoso.

3. Google. A empresa que nunca se anunciaba comezou cun vídeo sentimental no que todo o protagonismo estaba no seu servizo de búsqueda. A estratexia funcionou e Google xa non deixou de apostar polas historias sentimentais e emotivas na súa publicidade (véxase se non como promocionou Chrome)

4. Groupon. Esta foi a primeira campaña para todos os Estados Unidos de Groupon e o seu primeiro anuncio na Super Bowl. Dicir fail é quedarse en pouco. Querían ser graciosos, pero moitos viron só unha mensaxe ofensiva.

5. Apple. Pensabades que o primeiro anuncio de Apple da historia debería ser tan brillante e minimalista como todos os seus anuncios posteriores? Mentira! Nunha publicidade televisiva de 1977 Apple é tan chungo como a media publicitaria da época. E o mellor é o slogan que indica que o Apple II será o ordenador “dos 80”.

 

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *