Realidade aumentada no catálogo de IKEA para 2013

Catálogo Ikea 2013En 1951 Ingvar Kamprad mercaba pequenos produtos a baixo prezo que despois vendía aos seus veciños. Co paso do tempo comezou a comercializar tamén algúns mobles. Pensou que o mellor xeito de facelo era mediante un catálogo. Corría o ano 1951, e nos bosques de Suecia “unha pequena empresa cunha grande idea” sacaba o seu primeiro folleto. Ese é o comezo dunha historia, a de Ikea, que case podemos percorrer portada a portada. Ano a ano, as súas páxinas testemuñan o cambio que experimentamos nos nosos fogares e na nosa forma de vivir. Xa hai un tempo que o catálogo está dispoñible tamén online, pero en 2013 a firma sueca sorpréndenos cun novo produto que combina o pracer do papel coas posibilidades multimedia do contorno dixital grazas á realidade aumentada.

O novo catálogo da cadea de mobles e decoración será este ano máis interactivo grazas a unha app para smartphone e tablet que estará dispoñible a finais deste mes. Unha serie de páxinas da publicación están marcadas cunha icona que os usuarios poden escanear cunha aplicación especial para descubrir contidos extra como vídeos, galerías de fotos e inspiracións en decoración. Así, podemos por exemplo coñecer a historia detrás dos deseños Ikea PS, descubrir que se agocha detrás das portas dos armarios ou visualizar as distintas cores dun moble.

A división de Estados Unidos de Ikea vén de publicar un vídeo no que se avanza o funcionamento desta app que permite aos usuarios completar a súa experiencia e ampliar a información do catálogo a través dos dispositivos móbiles. Un paso cara as novas tecnoloxías sen renunciar ao papel, senón enriquecendo a súa experiencia.

O catálogo en papel para Estados Unidos estará dispoñible a primeiros de agosto. Este ano distribuirase en 40 países, en 62 edicións e 27 linguas, e prestará especial atención ao mundo téxtil nos nosos fogares. Para ir abrindo boca podes consultar a versión online aquí.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *