Ikea baixa os mobles ao metro de París (literalmente)

Como chamar a atención nun mundo hipersaturado de mensaxes publicitarias? Ikea faino bastante ben. En España conseguiron que o de ‘benvido á república independente da miña casa’ se convertese xa nunha case frase feita. Pero en Francia faino mellor: a cadea sueca realiza campañas espectaculares, dignas (polo de inventivas) do marketing guerrilla. A compañía leva literalmente os mobles ás estacións de metro, ás paradas de autobuses urbanos e ás rúas de París, chamando a atención dos transeúntes.

Todo comezou no Nadal do 2008, cando Ikea instalou unha moi efectiva e sorprendente campaña publicitaria na parisina Gare de Lyon, unha das estacións da cidade e punto de partida para moitas vacacións e moitas escapadas coa familia. Sofás e lámpadas da última colección ocuparon parte da estación (tiveron que negociar durante seis meses coa SNCF, o equivalente a Renfe galo!) e mantiveron este mobiliario de sala de estar entre o 10 de decembro do 2008 e o 6 de xaneiro do 2009. Evidentemente chamou (moito) a atención.

A iniciativa de sacar os mobles á rúa seguiu no 2010, cunha primeira campaña no metro de París para dar a coñecer a súa colección de sofás. Nesta ocasión, e durante uns quince días de marzo, os andéns das estacións de Saint Lazare, Champs Elysées – Clémenceau, Concorde e Opéra (todas moi céntricas e algunha, como a de Saint Lazare, moi masiva) enchéronse de confortables sofás nos que agardar o próximo tren. Ikea tiña como expectativa chegar coa súa idea a dez millóns de pasaxeiros. Os sofás do metro de París convertéronse nunha noticia moi viral e a iniciativa deu a volta ao mundo. O resultado foi bastante impresionante.

A esa campaña seguiulle outra que sacaba os sofás de Ikea á rúa. Entre o 15 e o 21 de decembro de 2010, Ikea situou nalgunhas paradas céntricas de autobús do centro da París algúns dos seus sofás.

A derradeira invención de Ikea xoga tanto co impacto de atopar no metro mobles da compañía como co lado voyeur que todos ao final temos. Desta volta, Ikea montou na estación de Auber un dos seus mini apartamentos (os mesmos que impresionan na exposición porque non entendes como foron quen de meter tanta cousa en tan pouco sitio). O apartamento tiña 54 metros cadrados, paredes de cristal e estaba habitado nas horas de apertura do metro (cinco da mañá a unha da noite) por cinco persoas que demostraban que se pode vivir sen problemas nese espazo limitado. En paralelo, outro apartamento de 54 metros cadrados permitía aos viaxeiros tocar e ver os mobles que había na casa ‘experimento’. Estivo ata o pasado día 14 operativo.

As campañas sorprendentes non son a única diferencia coa Ikea española: en Francia tamén se pode comprar en liña.

Fotospterjan | Ikea | Ikea 

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *