A literatura máis cool, segundo 8 escritores galegos

Letras Galegas | Disquecool

O Día das letras galegas é á literatura galega como o Nadal é a familia. Un debería valorala e gozala todos os días do ano, pero iso non quita que mereza un festivo no que un poida adicarse exclusivamente a iso. Que xa sei, se fixese bo tempo (case)  ninguén ía ir a un acto sobre Roberto Vidal Bolaño ou ía pasar a tarde relendo ‘Cantares gallegos’. Pero como a primavera non pensa entrar nunca neste país, temos 24 horas estupendas para pensar no estupenda que é a literatura galega. Mellor aínda: temos 24 horas para ler esa estupenda literatura galega.

E por onde comezar? Obviamente, polo máis cool. Se o ano pasado propuxemos a nosa lista do top ten dos libros máis cool en galego, este ano decidimos consultar cos expertos. Ou polo menos,  con  aqueles aos que lles debería importar máis que a nosa literatura sexa cool: os propios escritores. Porque un libro cool é un libro con carácter propio, un libro que propón algo novo, un libro que marca. Un libro que cando che preguntan: “Cal é para ti o libro máis cool?” Salta como unha lebre.

Se algo concluímos desta moi limitada enquisa é que hai un libro galego que destaca sobre todos os demais no que a orixinalidade se refire. É “De catro a catro”, de Manuel Antonio, que nós xa colocamos o ano pasado como o libro máis cool da historia da literatura galega, e que elixiron dous dos nosos escritores. Antón Riveiro Coello explica: “Porque para min segue a ser un libro diferente, fresco, orixinal, moderno. Se cadra, a mellor viaxe literaria polo mar das vangardas.”  Fran Alonso detalla: “‘De catro a catro’ é –continúa a selo– un libro distinto, profundamente cosmopolita, innovador, orixinal moderno e irreverente (igual que o propio Manuel Antonio).’De catro a catro’ é inimitable, inconformista e indomable, é dicir, un libro «in».’De catro a catro’ é un libro incansablemente recorrente e recorrido na literatura galega, fonte continua de reescritas, de reinterpretacións desde a contemporaneidade, de incitación a navegar no mar da literatura. E é que é o noso libro máis intensamente contemporáneo, probablemente. Eu, cando tiña 18 anos, sentaba diante dun radiocasete co libro ‘De catro a catro’ entre as mans e recitaba poemas que gravaba unha e outra vez. Desde as páxinas de ‘De catro a catro’ un pode aprender a vida e a literatura. Aprender o mundo. É unha viaxe profunda, unha viaxe axitada, unha viaxe iconoclasta e intemporalmente actual.’De catro a catro’ é o libro máis cool da literatura galega. É coolísimo!”

Pero hai coolidade máis alá de Manuel Antonio? Haina. Diego Ameixeiras proponnos ‘Á de mosca’ de Aníbal C. Malvar, “porque é o título referencial da novela negra galega”. Inma López Silva, pola súa parte, aposta por ‘Logomonos’ de Gustavo Pernas: “Pois, non sei se é cool, pero para min é do máis interesting e moderno”.

Letras Galegas | DisquecoolIolanda Zúñiga expláiase sobre un libro que aínda non limos, pero queremos facelo xa: “Eu sempre fun moi fan do colectivo de poetas Rompente. O único libro que teño, coidado coma un tesouro, é unha antoloxía de poemas seus que editara Xerais na colección Ablativo Absoluto. O título é ‘Upalás’, e non só agrupa textos dos tres poemarios editados polo colectivo, senón poemas individuais dos seus autores e unha parte final que se titula: “Textos de resistencia e comunicación”. Considero que Rompente é o máis cool que paríu a nosa literatura. Difícil que volva suceder algo así. Por que? Porque racharon co xeito ortodoxo de concibir a poesía. Porque eran textos experimentais, espontáneos, descarados, cotiáns, que moi ben lle acaían aos tempos da transición. Porque axitaron o ambiente cultural, afastándoo do aburrimento, do sopor no que adoita estar enmarcado. Porque, como declarara Manuel Romón, a teima do grupo era “tirar a poesía dos libros e levala á rúa, aos bares” (vía El País). Porque o colectivo foi pioneiro na conexión da poética con outras artes (audiovisual, artes plásticas…) Por modernidade estética, por subversión. Porque son de Vigo, e o sur tamén existe!”

Claudio Rodríguez Fer non acaba de decidirse por un só libro: “Partindo xa dos propios frescos e eróticos títulos, para min persoalmente serían a novela patchwork ‘Atracción total” de Carmen Blanco, en prosa, e o poemario telúrico ‘Nós nus’, de Olga Novo, en verso. Aínda que pensando en clave red cool, poderían ser, igualmente, o subversivo libro de contos ‘Vermella con lobos’, de Carmen Blanco, en prosa, e o subversivo libro de poemas ‘A cousa vermella’, de Olga Novo, en verso…” . Alberto Lema, por contra,  o ten bastante claro: “Eu diría que Ganga, de Antón Lopo é o noso libro máis cool. En ‘Ganga’ hai máis sexo, drogas e disparates ca en ningunha outra novela galega que se escribise antes ou despois. Insuperable”.

Por último, Suso de Toro antepón unha rápida reflexión á súa resposta :”é unha pregunta ben curiosa, ben inusual referida a unha literatura como a galega, na que o cool non é algo ben visto ou moi valorado”. Non é un día para dar labazadas pero non podemos menos que concordar que é verdade e que sobre todo, é un erro. Pero ao que íamos: “Pode que o libro que a min me resultou máis cool foi ‘Sombra do aire na herba‘ (de Luis Pimentel) . Lino nun tempo no que a poesía social arrasaba, o libro daquela estaba descatalogado, e resultoume dunha elegancia fría, cool, e enormemente estimulante e atractivo.”

De bonus track deixámovos as propostas de Manuel Bragado (director de Xerais), que se ben non é tan coñecido como escritor, é sen dúbida un experto en literatura (e ademais pareceunos moi adorable que nos propuxese os seus libros cool case motu propio): “Para min o libro máis cool publicado o pasado ano 2012 foi ‘Todo OK’ de Diego Ameixeiras. Se tivese que escoller entre toda a literatura dos últimos trinta anos escollo ‘Polaroid’ de Suso de Toro. Se a escolla é entre toda a historia da literatura galega, faríao co poema de Mendinho, ‘Sedia-m’ eu na ermida de San Simión’.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

    3 comentarios

    • jalo4 di:

      O termo “cool”, mal entendido pola sociedade actual baixo esa acepción “á moda”, en realidade nada ten a ver coa tendencia (que hoxe en día dura apenas uns días), máis ben coa frescura, co devagar. Refírese máis a sensacións que á estética, máis a sentimentos que a semellanzas.
      Neste sentido, para min, a modernidade linda coa atemporalidade clásica e, por iso, o libro galego máis cool paréceme “Cecais hai unha luz” de Manuel María.

      http://underrantcaseyinfluence.blogspot.com.es/2011/06/cecais-hai-unha-luz-manuel-maria.html

    • l. di:

      está interesante o que apuntan como cool. pero hai un evidente desequilibrio. entrevístanse sete homes e só dúas mulleres. será que -aínda inconscientemente- se segue a asociar literatura e bo criterio co xénero masculino?

    • Mágoa que vos quedara no tinteiro o último do noso querido Alberto Ramos, ‘Máscaras rotas para Sebastian Nell’, que ven de gañar o premio García Barros. Este Nadal será o mellor agasallo.

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *