Blossan: moda como artesanía

A vida pode dar moitas voltas. Pese á súa xuventude, a de Sandra Espiñeira xa deu algún que outro xiro inesperado. Á hora de escoller carreira universitaria decantouse polas Matemáticas e consagrou as súas horas de estudo aos números, pero no fondo esta galega soñaba con teas, fíos e patróns, as que agora usa para crear con moito mimo as prendas exclusivas e femininas da súa propia firma, Blossan.

“Gustábame moito o mundo da moda, pero dábame medo dedicarme de cheo, así que decidín facer unha licenciatura e despois probar”, explica Sandra. Ao rematar a carreira, decantouse por un MBA en Xestión e Dirección de Empresas de Moda, e mentres estudaba comezou a dar os seus primeiros pasos no sector. A súa traxectoria no mundo da moda ía tomando forma e Sandra entrou a traballar na firma Tommy Hilfiger. Pero unha idea roldáballe a cabeza: “Sempre tiña en mente crear a miña empresa, o que non sabía era que ou como”.

O principio foi como o de moitos deseñadores mozos. Empezou a facer prendas a medida entre amigas e coñecidas, e comprobou como á xente lle gustaba e cada vez tiña máis clientas, así que pensou que era o momento. A primeira colección de Blossan viu a luz o 1 de agosto de 2010.

Coa creación da súa propia marca Sandra busca vestir a unha muller á que “lle gusta sentirse ben, con interese pola moda e sobre todo que aprecie a calidade e os detalles”. A roupa de Blossan é elegante, feminina e atemporal. A calidade é outro dos aspectos que a súa creadora destaca en todo momento, unha característica que vai ligada á propia filosofía da marca: recuperar o concepto de moda como artesanía. “Todas as nosas prendas están fabricadas en Galicia, e tamén todo o proceso de produción, desde o deseño, patronaxe, corte… está feito en Galicia. Desde o principio quería que parte da produción das prendas se fixese como antes, é dicir, con mimo e atención aos detalles. Creo que se pode compaxinar a produción con manter esa filosofía”. Unha calidade e unha exclusividade que claro está, tamén se paga.

Os sentidos de Sandra sempre están alerta na procura de inspiración para as súas prendas. Nos libros, no cine, en exposicións, nas tradicións… “Depende das sensacións que teñas nese momento”, apunta. A colección para este inverno é segundo explica a deseñadora “unha mestura entre o masculino e o feminino”. “Os vestidos son minimalistas pero femininos e os pantalóns, saia pantalóns e abrigos son de inspiración  masculina”. Na paleta de cores domina a discreción: azul mariño, gris e negro.

A colección de inverno está dispoñible en puntos de venda de Ourense (Le Carrousel), Oviedo (AB Boutique) e Lille, en Francia. Tamén na propia web de Blossan e en Buylevard. Para a colección do próximo verán Sandra ten previsto ampliar os puntos de venda en España e Francia e abrir unha nova vía en Xapón.

Fotos | Noire et Blanche para Blossan

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *