Estilos de Vida, Slide, Viaxes — 31/08/2012 11:37

Disquerreto 2012 (III): o encontro co Mediterráneo

Escrito por

Disquerreto 2012, Canal du Midi e Canal du Garonne.

Xa se sente o Mediterráneo. As cigarras, os piñeiros, as oliveiras e as vides acompañan o noso camiño. Pasamos por châteaux e carteis que anuncian a venda de froita e verduras. Un grupo de franceses prepara unha paella xunto á canle, festexando nunha mesa alongada. Érguense e anímannos ao noso paso, entoando lemas motivantes coma se nos atopásemos no Tour de Francia. O clima é ideal, está algo anubrado e case non hai vento polo que resulta máis doado avanzar. Pasamos por pequenas vilas como Trèbes, Argens Minervois e o bonito Le Somail, que conta cunha librería con 30.000 libros antigos.

Disquerreto 2012, Canal du Midi e Canal du Garonne.Durante estes días pasamos todo tipo de probas: camiños moi estreitos pegados á canle que nos fan imaxinarnos na auga, chans empedrados e ateigados de raíces, túneles de vexetación… Chegando a Béziers vemos o túnel de Malpas, e xa na entrada á cidade distinguimos ao lonxe, dominando o enclave, a catedral de Saint-Nazaire, e pasamos polas esclusas de Fonserannes, que forman unha escaleira de nove comportas.

As condicións do terreo provocan tamén algunha que outra quebradura de cabeza. As primeiras rodas picadas entorpecen o noso avance. Á altura de Capestang advertimos un pinchazo na miña roda traseira, que levaba días medio torta, para acabar descubrindo a rotura de tres radios. Isto obríganos a cambiar un chisco os plans. O noso intrépido fotógrafo continúa coa bici estragada por estrada, e o resto seguimos pola senda da canle. Atopámolo no paseo de Villeneuve-Lès-Béziers, intentando cambiar a vella roda por outra nova, rodeado de vellos do lugar —un deles un español que emigrou a Francia con 13 anos— que o asesoran mentres turistas ingleses infrinxen as normas tirándose desde a péniche ás augas da canle. Tras unhas cantas voltas e unha nova viaxe ao Decathlon a bici queda arranxada, lista para o noso último día de viaxe.

Collemos os bañadores e nos dispoñemos a pedalear os 26 quilómetros que nos separan do ansiado Mediterráneo. Xa nos imaxinamos bañándonos, logo de ver tanta auga prohibida para nós. O primeiro tramo está perfectamente asfaltado, e cheo de xente que fai deporte. Deixamos á nosa dereita unhas marismas e chegamos a unha pista de terra máis irregular onde comeza o ‘circo’. Cabalos, nenos con ponies, un parque de atraccións e cámpings horteras con decoracións temáticas. A pista dá paso a un camiño máis estreito entre a vexetación de ribeira, e pronto chegamos a Adge, bautizada por Marco Polo como a Perla Negra do Mediterráneo polo uso do basalto na construción de varios dos seus edificios.

Disquerreto 2012, Canal du Midi e Canal du Garonne.

Máis tarde pedaleamos entre os xuncos e xa cheiramos a mar. Xa se sente a humidade, xa se ve ao lonxe. Unhas rodadas máis e xa estamos facéndonos fotos no faro des Onglous, en Marseillan, a nosa meta. Un novo disquerreto conseguido! O noso premio: un reconfortante baño no salgado Mediterráneo e unha copiosa comida a base de moules et frites.

Disquerreto 2012, Canal du Midi e Canal du Garonne.

Información práctica

Etapas

Langon – Lagruère: 52 km

Lagruère – Agen: 55 km

Agen – Moissac: 50 km

Moissac – Toulouse: 60 km

Toulouse – Casteldaunary: 70 km

Casteldaunary – Carcassonne: 52 km

Carcassonne – Mirepeisset (preto de Le Somail): 61 km

Mirepeisset – Villeneuve-Lès-Béziers: 48 km

Villeneuve-Lès-Béziers – Marseillan: Deixamos o noso campamento montado en Villeneuve-Lès-Béziers, xa que ao día seguinte collíamos o tren desde Béziers (a unha media hora en bici). Así que fixemos unha excursión de ida e volta a Marseillan, o que supón 26 km de ida e outros tantos de volta.

En total fixemos uns 500 quilómetros, o que supón unha media de 55 km por día.

Disquerreto 2012, Canal du Midi e Canal du Garonne.Transporte

Decidimos chegar ata Francia en coche. Deixamos o vehículo en Langon, e unha vez chegamos ao noso destino volvemos ao punto de partida en tren. Na maioría dos trens é necesario facer unha reserva para a bicicleta, polo que a viaxe neste medio de transporte ascendeu a uns 70 euros por persoa.

Aloxamento

Optamos polos económicos cámpings. O prezo oscila entre os 5 —os máis básicos— e os 10 euros —os máis equipados (piscina, actividades, restaurante, tenda…)—. En Francia hai moitos cámpings, moitos deles municipais, polo que é bastante doado atopar algún que se adapte ás nosas etapas previstas.

Recomendacións

- En agosto pode facer moita calor no sur de Francia (nós ademais sufrimos vaga de calor, con alerta laranxa por altas temperaturas). Os camiños adoitan ser sombreados, pero non sempre, polo que é imprescindible usar protección solar e beber moito.

- Leva sempre enriba auga suficiente e comida enerxética, xa que hai tramos nos que non atoparás lugar algún no que adquirir alimentos e bebida. Ten en conta os horarios franceses ou atoparaste coas portas das tendas e supermercados pechadas.

- A canle lateral do Garonne está moi ben acondicionada, polo que pode facerse case con calquera bici. A segunda parte, o Canal du Midi, é máis irregular e sen asfaltar, polo que é aconsellable unha bicicleta de montaña ou de trekking cunha boa suspensión e rodas grosas. Claro está, imprescindible levar parches e cámaras de reposto, xa que algunha roda picada seguro que cae (e non é por ser agoireiros, é por experiencia!).

- Os pobos adoitan estar algo separados das canles, especialmente na do Garonne, polo que de vez en cando abandona o camiño para explorar puntos de interese. Reserva tempo para coñecer as cidades máis importantes.

- A ruta é apta para calquera persoa, incluso sen experiencia, pero é necesario ir ben equipado e prestar atención ás condicións do terreo.

*Podedes ver aquí como comezou e evolucionou o disquerreto deste ano

Disquerreto 2012, Canal du Midi e Canal du Garonne.

Fotos | Andrés Fraga

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...


Comparte en Chuza Difundir a nova en Cabozo

Deixa un comentario

— obrigatorio *

— obrigatorio *