Unha cantina de deseño

Como trasladar o espírito dunha romaría baixo a sombra das árbores a unha cafetería de deseño? Con este reto por diante, o estudo de arquitectos Nómada, situado en Ames, ideou a bautizada como ‘Cantina’ da Cidade da Cultura, con mesas corridas que invitan á convivencia, siluetas de carballos que soben ata o teito e unha barra multicor que achega calidez a este megaedicicio.

A proposta fai referencia á cultura popular galega desde unha linguaxe contemporánea, remitindo á cantina como modelo de establecemento tradicional en Galicia, o típico lugar onde podes atopar un pouco de todo e tomar algo. Así, a cantina, situada xunto ao Arquivo de Galicia, conta con dous espazos diferentes pero conectados: cafetería e tenda.

Na zona de cafetería atoparás mesas alongadas en paralelo, que lembran ás de comer o polbo nas festas, claro que, nun pulcro branco e con cadeiras Latten, da firma Abr, no canto dos usuais bancos con altas probabilidades de inestabilidade. Das mesas crecen cara arriba unhas árbores esquemáticas que evocan as romarías baixo o acubillo das carballeiras.

A través de dous buratos ovalados conéctase coa tenda, ocupada con andeis e mostradores de diferentes dimensións, polo de agora, baleiros, pero que no futuro albergarán diversa mercadotecnia sobre a Cidade da Cultura e servirán como escaparate para a promoción de produtos galegos de calidade, segundo afirman na web da Consellería de Cultura e Turismo.

Unha longa barra atravesa a parede dando continuidade e servindo a ambos espazos. Neste mostrador dominan as composicións xeométricas en azulexos de dez cores diferentes, en alusión ás manifestacións artísticas populares galegas.

O estudo Nómada tamén foi o encargado de acondicionar a zona Chill-Out que tanto nos gusta para a celebración dos encontros enmarcados no programa ‘Atardecer no Gaiás’, do que xa che falamos en Disquecool.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *