Ops! Un showroom no corazón de San Pedro

Xa o dixemos en moitas ocasións: a compostelá rúa de San Pedro ten algo especial. Por iso non resulta estraño atopar neste enclave algúns dos máis coñecidos restaurantes de Santiago, curiosas tendas e iniciativas culturais do máis interesante. Desde decembro de 2010 o barrio conta cun novo inquilino no número 83, o Showroom Obxectos Perdidos ou Ops!, onde poderás atopar moda, deseño e arte de creadores emerxentes.

O concepto non é novo en países como Francia, Holanda ou Alemaña. Foi precisamente nesas terras onde Alexandre, responsable desta iniciativa, entrou en contacto con este concepto de tenda que decidiu trasladar a Santiago.

Entre as paredes de Ops! atoparás todo tipo de artigos: pintura, xoia, moda, ilustración, agasallos…, unha oferta variada unida por un denominador común: todas as pezas están elaboradas por novos creadores, tanto galegos como de fóra. Así, o showroom ofrece xoias de Fuera de Cuentas (Castellón), creacións do estudo de moda Cultto (Bilbao), e serigrafías sobre táboas de Ana Yael (Barcelona). Ademais ten á venda prendas dos deseñadores galegos Le Chanelas, Fresa Chocolate, Dübhe ou La burra confundida e broches-bonecas de Sago. Se es fan das libretiñas e as chapas coma nós tamén tes ao teu alcance as creacións do deseñador Catrotintas.

Segundo explica Alexandre, a idea é ir cambiando de artistas, polo que xa está en contacto con novos creadores para a tempada que comeza. O responsable deste showroom laméntase de que coa crise resulta complicado comezar calquera negocio, pero aínda así sinala que o concepto da tenda esta a gustar. A maioría dos produtos son de edición limitada, e moitos dos artistas que veñen de fóra están en exclusiva con Ops! en Galicia, algo que para este emprendedor a xente valora.

Se estás buscando algún regalo ou queres adquirir algunha peza de autor sen gastar unha fortuna, quizais en Ops! atopes o que buscas entre os seus obxectos perdidos.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *