O barrio de San Pedro saúda á primavera

Podería ser Kreuzberg, en Berlín, ou Töölö, en Helsinki, pero trátase do barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela, que este sábado celebrou a Feira da Primavera cun ambiente de barrio cool europeo, cortando a rúa aos coches e despregando na calzada terrazas, pequenos postos de artesanía e un amplo abano de actividades.

Ao longo da rúa de San Pedro sucedéronse todo tipo de postos de artesanía, que ofreceron desde complementos de coiro, a chapas e diademas de estilo pop, cadernos forrados con telas escocesas cun aire máis punk e prendas de punto tecidas por mulleres de todas as xeracións. Os máis pequenos tampouco quixeron perder a oportunidade, poñendo á venda xoguetes vellos e pulseiras feitas a man que se encargaban de cobrar coa súa máquina rexistradora de plástico.

As tendas abríronse á rúa completando unha oferta ecléctica que dá mostra da variedade dun barrio que mestura a tradición, o de ‘toda a vida’, con propostas máis contemporáneas, e no que todo o mundo ten cabida. Deste xeito, a zapatería, a tenda de produtos delicatessen galegos, o show room de novos deseñadores, o bazar chino e incluso a parafarmacia celebraron con veciños e visitantes a chegada da primavera.

Así o fixeron tamén os numerosos bares e restaurantes de San Pedro, que inundaron a rúa de terrazas que só conseguiu baleirar momentaneamente unha tormenta que pasaba por aí.

Os produtos ecolóxicos e de comercio xusto tampouco faltaron. A oferta gastronómica incluíu desde as comidas máis autóctonas, como o churrasco ou o ‘chouripan’ (como o seu nome indica, un chourizo metido nun pan), a outras máis exóticas, como arepas venezolanas ou pratos hindús, ademais de comida para veganos.

A festa inclíu ademais un concurso de decoración de balcóns e ventás, no que competiron desde propostas minimal, con globos brancos e negros; salvaxes, con balcóns repletos de vexetación; e coloridas, con adornos de chamativas cores.

Os numerosos asistentes á Feira tamén puideron participar en obradoiros de astronomía, traxe tradicional para nenos, pandeireta, baile tradicional, elaboración de xabón, e mesmo unha visita guiada ao Museo do Pobo Galego.

A música tampouco faltou, con pasarrúas e regueifas, e como non podía ser doutro xeito, a xornada rematou con foliada!

Fotos | Andrés Fraga

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *