Cool Packaging: Licores Bocabajo

botellas licores bocabajo das Adegas Castrobrey

Os licores Bocabajo de Adegas Castrobrey teñen moito de máxico, e non só polo que un pode chegar a sentir cando os degusta, senón polas fantasiosas figuras que decoran as súas botellas. Son obra das deseñadoras Marujas Creativas, que se inspiraron nas paisaxes e lendas do Val do Ulla, terra de augardenteiros, onde os alambiques de cobre transforman o bagazo da uva en augardentes e licores.

Tres escenarios: as montañas, o río Ulla e a néboa que cobre as viñas, para tres botellas: augardente, licor café e licor de herbas. Todas elas decoradas con seres fantásticos dunhas terras non menos misteriosas. Entre os viñedos das Adegas Castrobrey apareceu ‘seixo branco’, unha pedra que para os celtas sinalaba lugares máxicos. Por iso, as figuras que viven na superficie do vidro, voadoras e medio sereas, poderían habitar entre as vides ou no río.

Para o naming buscouse un nome sonoro, sinxelo de lembrar e que se reforzase a medida que a botella se vai poñendo boca abaixo, outorgando aínda máis maxia ás ilustracións.

No Forum Gastronómico Santiago 2010 os licores Bocabajo recibiron os premios Innoforum ao mellor Packaging/presentación e ao mellor produto (mellor sabor). Tamén no marco deste evento, e de novo da man das Marujas Creativas, as Adegas Castrobrey sorprenderon aso asistentes cun stand no que, facendo honra ao nome dos licores, todo estaba boca abaixo!

stand licores bocabajo das Adegas Castro Brey

Fotos | Acción DAG

* Esta información forma parte do especial Cool Packaging, unha selección das embalaxes que máis nos gustan. Podes ver máis aquí.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *