A rúa é aínda de Cervantes, pero quizais algún día cambie de nome para que ninguén esqueza que no número 18 aterrou unha vez o Halcón Milenario e os seus tripulantes decidiron quedar alí un tempo. A falta de guerras galácticas, fixéronse artistas e converteron o primeiro piso na súa sala de exposicións. Non nunha galería de arte, nin nun museo. Algo distinto. Despois de todo, chegaron do espazo exterior.
Todo isto quizais (“quizais” é un eufemismo) sexa manipular un pouco a historia real do que está a acontecer desde hai algo máis dun ano no primeiro piso do número 18 da rúa Cervantes en Vigo, pero o certo é que a iniciativa de Federico Fernández (Fredy), Germán Pintos, Colomán e Marian Núñez ten algo de extraterrestre. “Somos un pouco a indefinición”, di Fredie. “Pero a min tampouco me gustaría ser unha galería de arte”.
Pero empecemos polo principio: que é o que está a pasar exactamente no piso rebautizado como Halcón Milenario? Que é o que atrae a xente de todo tipo cara a vivenda durante varias fines de semana ao ano? A resposta é ata sorprendente: arte. E ten a súa orixe, como acontece con case todas as boas ideas, nunha mestura de casualidade e oportunidade: Fredy viviu durante varios anos no piso, ía mudarse, pero non o quería perder “pola súa situación” e porque el seguía a ter alí o seu estudio. Pero había que arranxar algunhas cousas, como a cociña. “E foi iso, empezar a intervir o piso de forma que quedase ben. Pero despois pensamos que esa intervención podía converterse nunha exposición e que o piso funcionase coma obradoiro e coma sala sen ánimo de lucro alternativa”.
Aínda que empezaron a falar en serio de montar unha exposición no piso no verán de 2010, a primeira, ‘Viejóvenes valores’, non se inaugurou ata febreiro. “A casa aínda tiña as pegadas da vivenda, pintamos, puxemos luces, arranxamos cousas no baño…”, lembra Germán. “E despois a preparación da obra de cada un”, que lles levou entre un e dous meses, foi o que retrasou un pouco a inauguración do Halcón Milenario coma tal. O éxito mediático foi enorme e moita xente chegou ata o piso atraída polo run-run dos medios.
Sería doado pensar que despois desa primeira expo e co empurrón que dá a exposición mediática os artistas do Halcón Milenario poderían ter empezado a vender obras e recibir proxectos de futuros expositores. Pero un pensamento así pasaría por alto o verdadeiramente importante da iniciativa. “Divertirse é importante”, asegura Marian. “Para min isto é coma un xogo, e un xogo sempre é divertido”.
O obxectivo non é lucrativo, nin tampouco é que lles sirva coma trampolín para cousas máis grandes. “Ao ter o espazo e xestionalo nós, non o necesitamos”, di Germán, “isto cobre as nosas necesidades a nivel creativo, expositivo, á hora de poder traer cousas que nunha galería non se poderían expoñer e que nun bar teñen as limitacións da iluminación ou o espazo. Podemos dar o nivel dunha galería pero sen todos os seus requisitos encorsetados”.
Que é o que diferencia ao Halcón Milenario dunha galería de arte? As diferencias empezarían xa no concepto. Marian apunta que “a nivel de temática”, por exemplo, unha galería non exporía “obra de dous fanzineiros, como pasou aquí” (na segunda exposición, ‘Firecream’). Germán di que as galerías traballan normalmente “cos seus artistas fixos que pagan unha cota”, mentres que no Halcón “a única condición é que o proxecto nos emocione, nos motive”. Colomán fala do feito de facer a arte accesible. “Ás veces entras nunha galería e nin te atenden, non che preguntan, non hai trato… para nós é importante que a xente nos vexa coma algo próximo”.
E así é: baixando pola rúa Cervantes, o piso xa chama a atención desde o exterior. As portas abertas invitan a entrar e a descubrir que algo importante está a pasar. Hai xente que fai cousas, hai arte nas paredes pero tamén no chan e nos teitos, hai artistas cos que se pode falar. Entrar no piso é como entrar noutra dimensión na que sentir a creatividade do momento. “Iso é fundamental”, di Fredy, “especialmente nun momento como o de agora no que parece que todo o mundo está triste, falando de cartos, de crise… ten que haber algo máis”.
Estes días o Halcón Milenario está a acoller a súa terceira exposición, ‘Súper Ratón’, que ten que ver tamén un pouco con esa idea de facer a arte accesible. “Obxectos pequenos, levables, baratos…”, din. A próxima expo, coa que pecharán o primeiro ano, terá lugar en decembro, e contará coa obra de tres artistas urbanos e graffitteiros da zona de Vigo. Mentres tanto? A nós tan só nos queda esperar, e a eles seguir a desfrutar da súa nave. “A min o que me aporta isto é felicidade”, di Fredy. A misión do Halcón Milenario parece estar pagando a pena.
* Podes visitar Súper Ratón hoxe venres 9 de setembro de 21 a 24 horas e mañá día 10 a partir das 19 horas na rúa Cervantes, número 18, primeiro piso, en Vigo.