Pinktones: psicodelia en plena Sala Capitol

PinkTones

O reloxo marcaba as dez da noite exactas cando as campás comezaban a soar dentro da Sala Capitol. No escenario os Pinktones situábanse entre a escuridade dunha sala que ovacionaba e aplaudía o que eran os primeiros acordes da mítica canción Time. Como nunha película de ciencia ficción, o grupo fixo viaxar no tempo a un público entregado. Así, a viaxe percorreu todos os clásicos do grupo británico Pink Floyd cunhas versións, hai que admitilo, absolutamente brillantes.

Xogar a ser deus non é doado. Por iso, cando me dixeron que os Pinktones versionaban ao que é, ao meu xulgar, o mellor grupo da historia do rock fun escéptico. Escéptico porque facer tributos a Leño, ou a ACDC, incluso a Deep Purple é doado ao lado de querer ser Ícaro e tocar o sol. Agora, despois de presenciar un concerto que acada, persoalmente, o grao de experiencia persoal, podo confirmar que os Pinktones teñen patente de corso para xogar a ser deus.

Shine On Your Crazy Diamonds, Have A Cigar, Dogs… foron moitísimos os temazos que encheron unha Sala Capitol abarrotada de xente maior, os que viviron ao grupo cando estaba en activo, e mozos, que viviron ao grupo por influencia (como o meu caso) dos seus pais. Todos tiña algo en común: unha nostalxia compartida por un grupo que cambiou o devir da historia da música. Así, mirase para a esquina que mirase, só atopei xente entregada aos Pinktones. Berrando as letras das cancións e pedindo silencio cando chegaba o solo de guitarra de seis minutos.

Tres horas de concerto! Algo demencial se pensamos que algunha cancións, como o caso de Atom Heart Mother, superan con creces a duración de dez minutos. Os Pinktones demostran sobre o escenario que saben facer e, máis importante, que o gozan. Impresionante a interpretación de The Great Gig In The Sky onde dúas perfectas coristas enmudeceron ao público só co uso do seu potente chorro de voz. Difícil non emocionarse nun concerto tan espectacular cunha actuación tan redonda.

Comezaron a soar as primeiras notas de Brain Damage e un servidor abandonouse á musicalidade do grupo. A partir de aí, pouco recordo de forma nítida. Elevado polos sons eléctricos e o xogo de luces e láseres, entreguei os meus pulmóns a cantar Wish You Were Here, Run Like Hell e Comfortably Numb. Canción, esta última, que pecharía o que foi, máis que un concerto, unha experiencia única para os amantes do rock psicodélico e Pink Floyd.

Foto | Pinktones (arquivo)

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *