Iso de hipster clásico parece, a primeira vista, un oxímoro. Tan contraditorio coma a neve negra ou a feliz desgracia. Ata que vemos estas fotos de Leo Caillard e Alexis Persanis, que andan rulando estes días polos facebooks de medio mundo. E é que unhas estatuas clásicas do Louvre vestidas con vaqueros, camisetas de cuadros e gafas de sol Ray-Ban parecen case case os nosos amigos.
Trátase dun proxecto que Caillard levou a cabo o ano pasado co obxectivo de reflexionar sobre a moda como forma de expresión persoal, de como a roupa serve para dar información sobre a xente. Ao fin e ao cabo, estas estatuas de hai uns cantos séculos acabaron parecendo personaxes modernas e actuais.
Para facer esta serie ‘Hipster in Stone‘, Leo Caillard fotografou unhas cantas esculturas clásicas do museo do Louvre. Despois, pediu a algúns amigos (vestidos á moda) que imitasen a pose das estatuas. Alexis Persanis encargouse de superpor dixitalmente ambas imaxes e crear unha nova na que son as propias esculturas as que lucen os atavíos hipster. O resultado é unha estraña combinación de dous mundos habitualmente moi distantes, unha mestura de pasado e presente que actualiza e da un novo significado ás creacións canónicas. Pero sobre todo, o resultado é unha serie de fotografías divertidas e irónicas, que un non é quen de deixar de mirar.
1 comentario