Projeto Janela: vagóns de tren reinventados como galerías

projetoJanelaART

Os trens portugueses acábanse de converter nun novo expoñente para a arte urbana. O chamado Projeto Janela encherá de aquí a final do ano os trens que fan as liñas de cercanías de Porto (as que van dende a cidade ata Aveiro, Guimarães, Braga e Caíde) e  a que une Lisboa con Cascais. En total, serán 10 trens que foron tuneados por artistas de diversas procedencias, orixinarios tanto de Portugal como de Brasil ou de España. Os trens lisboetas quedaron nas mans de Vhils, Bruno Pereira e Albert Folch e os do Porto de Francisca Torres, Luís Alegre e Jorge Fonseca. Detrás de iniciativa está a Associação P28, unha asociación que defende á arte urbana, e a compañía pública de ferrocarrís portugueses, Comboios de Portugal, CP.

A idea xurdiu ante o interese de Comboios de Portugal de inverter en arte contemporánea (tamén teñen o apoio económico da rama inmobiliaria do grupo Auchan). No canto de mercar unhas obras, por así dicilo, permanentes, converteu os vagóns de tren nunha sorte de galerías móbiles. As obras pódense ver tanto fóra como dentro dos trens, dándolle unha visibilidade diferente ao que xa se levaba facendo bastantes anos.  “A arte urbana é moi importante nunha cidade, sexa nas paredes, sexa nos vagóns de tren e isto non substituirá nin unha cousa nin outra”, apuntaba Sandro Resende, da Associação P28, en declaracións aos medios de comunicación lusos cando se presentou o Projeto Janela.

Cada unha das pezas está feita en vinilo, que foi pegado ás fiestras, ás portas ou ao mobiliario do vagón. Hai dende mensaxes no exterior ata rostros nas ventás ou (o meu favorito) textos de confesións ás veces deprimentes (como entre o sufrimento e a nada, prefiro o sufrimento ou son infeliz) que se mesturan cos viaxeiros que fan cada día eses traxectos. As estimacións de CP son que verán de media cada día estas obras unhas 260.000 persoas.

Curiosamente, esta non é a primeira iniciativa de decoración que impulsa Comboios de Portugal. A empresa lanzou non hai moito unha iniciativa en redes sociais para atopar un motivo co que cubrir un dos trens que fan a liña Lisboa-Cascais, unha das que habitualmente son grafiteadas e tentar así de frear o atractivo que os seus vagóns teñen para os artistas urbanos.

 

Fotos | Comboios de Portugal 

Shares

1 comentario

  • vanessa di:

    Qué bonito xD!!! Sí la verdad que ya podrían hacerlo aquí Renfe. Es que los que hemos viajado en tren tanto cercanías como largos recorridos…sabemos las vivencias que hay…despedidas, encuentros todos muy emotivos, viajes con ciertas expectativas. Las frases es como que te acompañan y te sientes que tú no eres solo el que se siente así. Precioso el proyecto…haber si contagia la idea!!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *