Amordiscos: o amor a dentadas

Foto AmordiscosOs bicos son dentadas reprimidas. Iso explicou hai xa anos o cura a unha masa estupefacta de alumnas en idade escolar. A conclusión era que o amar e o devorar estaban moi interrelacionados, e non puiden evitar recordalo cando chegou ás miñas mans o libro ‘Amordiscos’ un resumo ilustrado sobre o amor que é unha lectura ideal para o día de hoxe.

Sobre o amor todos sabemos algo. Quizais saibamos o que é tirarnos á piscina e levarnos un bo croque. Quizais saibamos o que é flotar só con pensar no namorado (ou namorada). Ou case estoupar das dúbidas que o comportamento do devandito namorado (ou namorada) suscita. Quizais incluso saibamos como é que che rompan o corazón, e quede o pobre aí, soíño e feito cachos. Por iso é imposible non gozar co libro ‘Amordiscos’, no que a ilustradora Moni Pérez plasma en debuxos sinxelos, cun toque naïf e con bastante humor, todas esas sensacións. Trátase dun pequeno libro mudo -“Dáseme ben expresar sentimentos cuns poucos garabatos”, explica a autora, “o de escribir nunca se me deu ben e o suplín co debuxo”- no que se recorre a xogos de palabras -conceptuais- e imaxes moi recoñecibles que teñen ao corazón por absoluto protagonista.

Segundo explica Moni, que habitualmente traballa como ilustradora de libros infantís, ‘Amordiscos’ naceu case case por casualidade: “Unha noite de cañas cos amigos xurdiu a típica frase de “o alcohol cura as feridas” e ocorréuseme debuxar a miña interpretación. Aos demais fíxolles moita gracia e comezaron a pedirme máis: “Fai un do corazón vendado!”, “Fai outro regalando o corazón!”, e case sen darme conta empezou este proxecto que me namorou desde o primeiro segundo”. Non só a ela, pois o libro tivo moi boa acollida: “Sorprendeume moito como gustou tanto enseguida. Moita xente escribiume no blog felicitándome e contándome o uso pedagóxico que deran ao libro”.

Amordiscos

E é que con este collage, bonito e inocente, de situacións cotiás é difícil non sentirse identificado. Como define Moni, “‘Amordiscos’ é un compendio das pequenas aventuras e desventuras que lle pasan a un ao longo dunha atafegada vida amorosa”. Un libro perfecto para San Valentín esteas felizmente só, felizmente acompañado, infelizmente acompañado ou infelizmente só. Porque o amor é así de completo!

Amordiscos

E se queres seguir profundando no tema de San Valentín, pedimos a Moni que nos recomendara outros libros para esta data. Propuxo ‘Bicos que foron e non foron’ (que o lin hai poco e concordo con que é marabilloso) de Roger Olmos e David Aceituno, e ‘Namorados’, de Rebecca Dautremer. Así que xa sabedes o plan para hoxe: a amar e a ler.

*’Amordiscos’ está editado por Kalandraka.

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará