Así fai (bo) marketing en redes sociais Jimmy Choo

Quero que me vendas no Facebook. Quero converter o noso Twitter nun seguro de que imos despachar X produtos. Iso é co que fantasean as marcas: con moreas de cartos caendo do ceo grazas á divina intervención do social media. Todos pensan en Dell, que vende produtos de stock grazas a Twitter, ou a todas esas marcas fashion que se están a facer de ouro vía Pinterest. Pero a verdade é que vender a través das redes sociais é complicado. Pódese facer do fan ou do follower un comprador?

Os gurús do marketing dirán que vaia que si, pero a verdade é que para conseguir chamar a atención no medio de tanto ruído social hai que botar man da imaxinación. É o que fai Jimmy Choo, unha marca que xa marca a pauta no mundo da moda (fundouna unha editora de moda, Tamara Mellon, que fixo dos seus zapatos un auténtico obxecto de desexo, eclipsando incluso ao deseñador que lle dá nome) e que é tamén un exemplo de por onde deben ir os tiros no mundo do marketing en (ou a través) de redes sociais.

Alá cando ninguén sabía quen eran ou que viña a ser Foursquare, Jimmy Choo veu a oportunidade de facer unha acción moi viral e divertida. Acababan de lanzar as súas deportivas (non todo van ser zapatos de tacón na vida das fashionistas…) e querían darlle un impulso, unindo o produto a unha imaxe divertida. A solución: unha caza do tesouro por Londres. Agora semella unha idea de principiante, pero cando Jimmy Choo o lanzou no 2010 era novidoso e non usado pola competencia. As zapatillas abriron perfil en Foursquare e foron facendo checkin nos lugares glamurosos nos que andaban. Tamén compartían as súas peripecias no Twitter, para que os compradores da marca puidesen averiguar onde andaban. Perseguir ás deportivas non era unha cuestión só de paixón polos zapatos: quen primeiro dese con elas na súa aventura pola cidade levaba un par de agasallo. Os resultados, segundo sinala na súa web a empresa que lle levou a acción en social media, FreshNetworks, foron ben positivos: as ventas de zapatillas subiron un 33% e o sentimento positivo sobre a marca un 40. Por certo, as deportivas fixeron checkin en 100 localizacións diferentes.

Outra das accións que lle xestionou esa mesma axencia en social media foi a campaña de Project PEP, unha proposta solidaria en colaboración coa fundación de Elton John para recadar fondos para a loita contra o sida usando unha edición especial dos zapatos. Fixeron a súa propia comunidade online para compartir fotos e ampliar o buzz que levaba ás ventas do produto. Conseguiron multiplicar por 20 o ROI da campaña en comparación coa publicidade tradicional.

Choo 24:7 Pero as accións en social media non quedaron aí. A firma, que xa ten 1.106.635 fans en Facebook aos que lles ofrece a clase de contidos que lles gustan (como por exemplo fotos do festival de Cannes) e algo máis de 82.000 followers en Twitter, acaba de lanzar a súa ferramenta comunitaria que mestura street style cos sites especializados en fotos.

Choo 24:7 é o nome que recibe e permite aos clientes da marca compartir as súas imaxes calzados cos seus Jimmy Choo e sobre todo cun “Jimmy Choo style”, indicando claro está dende onde publican. O visitante pode elixir ver estilismo por hora ou por cidade ou ver as fotos que se soben a Twitter ou Instagram sobre a materia.

Fotos | Perfil oficial Facebook Jimmy Choo

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *