E xa temos fillos!

Como xa sabedes acabamos de cumprir seis meses na rede e tras este primeiro medio ano de vida non queremos mirar ao futuro sen pensar en… crecemento!. A familia Disque é moi cumpridiña e acaba de ter un nacemento. Foron trillizos.

Hoxe presentámosvos de xeito oficial aos blogs de Disquecool, outra maneira máis persoal de ver as tendencias. Comezamos con tres blogs que tocan temas que ata agora non tiveran tanto peso no día a día de Disquecool, como por exemplo o sexo.

Sobre ese tema falará unha misteriosa muller (non vos podemos dicir moito máis sobre ela que o que ela mesma conta no seu primeiro post) que narrará dende Santiago o panorama que se pode atopar unha muller solteira. “O sexo en Santiago non pode ser tan malo cando estás solteira e, en todo caso, Galicia é moi grande e, seguramente, unha descoñecida”, promete. Será o sexo santiagués tan malo ou pintará ben?  Máis en Sexo SCQ

Menos polémica pero igualmente interesante é a nosa colaboración co fotógrafo Ramón Escuredo, que nos trae en primicia en galego “unha pequena mostra do meu traballo como fotógrafo gastronómico”. Gastrografía é unha suculenta mestura entre  imaxe e comida que vos recomendamos non visitar antes de ir comer. O blog é un percorrido polo sector da gastronomía máis in de Galicia a través da fotografía. Lembrades iso de comer polos ollos? Agora xa tedes un nome a quen botarlle a culpa. Máis en Gastrografía

Cando as cousas cutres cruzan a fronteira e pasan a ser definitivamente estilosas? Esta pregunta é o punto de partida de Trapallada Deluxe, o terceiro dos blogs e que remexe nos vertedoiros da chunguez na procura do máis sorprendente. Serán esas trapalladas o cool da nova era? Poderedes votar en cada post para así determinalo.  Máis en Trapallada Deluxe

Foto | clevercupcakes

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *