O Centro Dramático Galego explora os baixos fondos

“Gustoume un montón”, iso estaba a dicir cando escoitei exactamente o mesmo da moza que estaba sentada detrás. E agudizando un pouco máis o oído, repetíase en eco ao finalizar a obra.

‘A ópera dos Tres Reás’, adaptación do Centro Dramático Galego da xa clásica obra de Bertol Brecht e Kurt Weill, levanta paixóns entre o público , pero o mellor de todo é que as merece. Parte dese mérito, sen dúbida, é da boa elección dunha obra orixinal xa de por si máis que interesante, e que podía resultar riscosa para o Centro Dramático Galego (trátase ao fin e ao cabo da súa primeira incursión -creo- en teatro musical).

A historia transcorre nos baixos fondos de Londres e os protagonistas son mendigos, putas e ladróns. O protagonista deste “vodevil” é Mackie da Faca (interpretado polo archífamoso Luis Tosar), o xefe dos bandidos e competente casanova, que conta coa “permisividade” do corrupto policía local. Mackie decide casar coa filla do Rei dos Mendigos (Marcos Orsi) pero así levanta a ira do pai en cuestión (e da nai, que polo demais parece Helena Bonham Carter) que removen ceo e terra para que Mackie dea cos seus ósos no cárcere.

Quico Cadaval, director escénico da obra, respecta o distanciamento brechtiano e ofrécenos unha escenografía moi sobria, que xunto coa presencia do narrador e unha estrutura -artificial- moi marcada, permítennos reflexionar (aínda que para o meu gusto non era necesario aclararnos cun cartel de INDIGNADO en mans dun dos mendigos a actualidade intemporal desta reflexión) ao mesmo tempo que gozamos do intelixente humor, da comi-tráxica historia e das correctas interpretacións musicais.

Hai partes cantadas que por mágoa non se seguen ben, o que é bastante terrible dada a súa importancia no transcurso da historia. Aínda que temos a man o libreto, é difícil lelo a escuras. Cancións que en moitos casos, son xa clásicos do estilo (a medio camiño entre cabaret, jazz e ópera, moi intenso, e polo tanto moi molón) coma Coplas de Mackie da Faca (recoñecibles gracias -no meu caso, porque hai moitas outras opcións para elixir- a Ute Lemper) ou a Balada do chulo, que eu coñecín coa mesma Ute Lemper e Neil Hannon.

As dúas horas e 25 minutos pásanse nun suspiro. Eu recoméndovos a todos que vaiades  vela, xa sexa na xira por España (agora mesmo está a ser representada en Madrid) ou a súa volta a Galicia (a fins de setembro en Coruña, Ourense, Vigo e Narón).

Foto | Centro Dramático Galego

Shares

    3 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará