Drama epéntico no Teatro Arte Livre

No teatro Arte Livre de Vigo estase a representar ‘Lorca e as flores de Venus’, unha obra de teatro que presenta poética e  simbolicamente os últimos días de Federico García Lorca. Subtitulada como Drama epéntico, o primeiro que un se pregunta antes de ver a representación é…que diantres é epéntico? Debería sabelo?

Pero como eu xa fixen os deberes podo contaros que, segundo García Lorca, epéntico era sinónimo de artista, daquel que crea e non procrea, e nun sentido amplo, utilizábase tamén para (auto)designar aos homosexuais. Un termo poliédrico como a obra, e que fai tamén referencia ademais ao que de neno queda en cada artista.

Así, o Lorca neno asoma mentres vemos ao Lorca que está a piques de morrer, e que, encerrado no cárcere, evoca os últimos días de liberdade, pero tamén a súa vida enteira, visitado polas pantasmas das súas obras: Bernarda, Doña Rosita, Mariana Pineda…  un diálogo consigo mesmo que as veces adoece de excesivo cripticismo, pero que nos permite achegarnos a figura ficcionada de Lorca a través de múltiples caras.

Destaca o traballo actoral de Eisenhower Moreno, que ten que ser Lorca, pero tamén todos os outros personaxes que poboan a súa historia. Superado o shock inicial de escoitar a un Lorca con marcado acento brasileiro, a habilidade interpretativa do actor somérxenos de cheo na obra, a pesar da ausencia de apoio dunha escenografía concreta ou mesmo doutros actores (a súa actuación no desdobramento de dous personaxes que interaccionan é realmente impresionante).

Tamén me pareceu moi acertado o ritmo da representación, lixeiro e áxil, en contraste coa densidade do texto, de Marga do Val, que non so revisita unha figura complexa, senón que o fai dende unha perspectiva interior e psicolóxica.

‘Lorca ou as flores de Venus’ transmítenos así o medo, a perplexidade, a inquedanza, pero sobre todo a imposibilidade de comprender o sensentido do que lle estaba a acontecer, o sensentido do que estaba a acontecer.

A obra de Els Produccións Artisticas estará en cartel ata o 31 de xullo no Teatro Arte Livre de Vigo, venres e sábados ás 22.30 e domingos ás 21.30.

Fotos | El Producións Artisticas

Shares

    3 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *