4 momentos históricos dos que sacar o Xogo de Tronos galego

juego de tronos

Todos sabemos (e algo que vós e eu aprendemos artigo tras artigo no que intentei solucionar o mundo) que se todas as ideas millonarias que teño (xa din solucións para salvar o día das Letras Galegas ou para crear a miniserie que triunfaría na TVG) as levase a práctica agora mesmo estaría tirada nunha piscina chea de dólares (mellor moedas de ouro) e non tería que traballar nin un día máis. Na miña última entrega de salvadora do mundo decidín escoller onde se debería buscar o Xogo de Tronos galego (e cando alguén decida ser menos preguizoso do que eu son e escribir esta obra que venderá millóns de exemplares e será convertida en serie polo menos en Netflix espero que polo menos me poña nos agradecementos…).

Diredes vós que para que queremos un Xogo de Tronos galego… Pensade na pasta (vexo caer cartos do ceo) e na serie de televisión brutalmente famosa (ou polo menos na versión máis low cost que fará a TVG, na que os actores que xa vimos facendo practicamente de todo irán agora vestidos de época ao medieval).

Suevos

A historia dos suevos é unha mina por explotar e está chea de reis que foron matados malamente e matrimonios acordados, traizóns familiares e tensións entre habitantes do lugar e mandatarios. E como o que se sabe realmente deles é moi pouco… podemos inventar o que nos apeteza!!! Requiario, o terceiro dos reis suevos, estivo metido en leas por toda a península e acabou vencido polo propio cuñado (o pobre quixo escapar, pero o mal tempo non llo deixou e acabou degolado). A Eborico, outro posterior, meteuno un nobre nun mosteiro despois de roubar a coroa (e casar coa nai aínda que estaba prometido coa irmá!). E estes son só dous.

Xoana a Beltraneja

Tendo en conta que é o punto e a parte que poñían nos teus libros de historia da escola antes de que comezasen os Séculos Escuros e que houbo nobres traidores, traizoados, princesas exiliadas e guerras, da para algún drama tremendo con vestidos medievais. Se a TVG logra convencer a TVE de ir en coprodución poden aproveitar o vestiario de Isabel.

Irmandiños!!

O potencial dos Irmandiños é inmenso. Tanto vale para unha serie de complexo guión e de gran inversión en escenarios, vestiario e efectos especiais ao máis puro estilo HBO como para unha serie-telenovela de despois de comer ao máis puro estilo Amar en Tiempos Revueltos. As posibilidades son inmensas (e de paso se alguén quere escribir esa novela romántica que está por escribir na literatura galega pode se cadra empezar por aquí). Nobres supermalvados que dan para malo malísimo, campesiños en loita, pazos queimados, arcebispos en guerra, nobres que loitan cos campesiños …

Intrigas e maldades en Compostela

Cando abriron o pazo de Xelmírez trala súa restauración fixeron unha xornada de portas abertas e fixeron visitas guiadas gratuítas ás que calquera podería sumarse. Alá fun (como santiaguesa que ás veces sinte vergonza por non saber nada sobre a historia da cidade). A guía contou que ese momento glorioso no que Santiago era super importante na Idade Media foi un momento cheo de intrigas e de tensións (vamos, que os habitantes de Santiago odiaban aos arcebispos e estaban encantados de facer maldades). Da para unha serie chea de intriga, maldades e mortes, coa construción da catedral de fondo (moi rollo Os pilares da terra).

Shares

1 comentario

  • Eduardo di:

    Boa idea! Ademáis dos suevos, por esas datas falaría do priscilianismo, que tamén daría para unha boa serie e tivo a súa importancia na época.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *