The Bling Ring: os sospeitosos usaban Louboutins

the bling ring

Así é como se chama o título do artigo no que Sofia Coppola se inspirou para ‘The Bling Ring’, a súa última película e que chega este venres aos cines. Este “drama” conta como un grupo de adolescentes rouban en varias casas de famosos para facerse coa súa roupa. Baseado nunha historia real, sorprende ver como estes rapaces foron capaces de evitar todas as medidas de seguridade de xente como Paris Hilton, Orlando Bloom ou Lindsay Lohan.

O que de primeiras pode ser unha premisa atractiva queda en… niso: nunha premisa atractiva. A película dá bandazos durante os 90 minutos de metraxe e evoluciona máis ben pouco. O personaxe de Marc, por exemplo, o único rapaz deste grupo, queda trazado en pequenas pinceladas. A súa sexualidade, o seu pasado ou os supostos problemas no fogar son algúns dos interrogantes que a película lanza pero que non se molesta en responder. Ao igual que co resto de rapazas integrantes dese grupo “Bling Ring”, o que único que coñecemos dos protagonistas é o seu gusto pola moda.

A obsesión pola imaxe, o culto ás celebridades e o intento de imitación a toda costa son temas que se tratan en ‘The Bling Ring’ pero só de pasada. Calquera conclusión que se queira sacar terá que ser pola propia vontade do espectador. Se ben é certo que Sofia Coppola introduce algunha que outra reflexión no filme, estas son máis ben escasas. Unha mágoa xa que unha ocasión perfecta para trazar a problemática deste excesivo culto á imaxe queda nun telefilme nin sequera digno de Antena 3.

No plano técnico, destaca o intento da directora por introducir as multipantallas. Blogs, Facebook, móbiles, etc. xogan unha parte esencial da dinámica do filme, mais a forma na que están empregados é, digamos, cutre. Con isto non quero dicir que non sexa necesario usar estes elementos (estamos falando de adolescentes: teñen que estar presentes), senón que a forma na que Coppola os emprega non é acertada. Quizais por non saber como facelo ou por exceso de uso, o recurso acaba por cansar.

Chegados a este punto calquera pode ser consciente de que a película non me gustou nada. Persoalmente, boto en falta á Sofia Coppola que contaba a historia daquelas virxes suicidas ou a perfecta ‘Lost In Translation’. Para os que gusten do mundo da moda está película será ideal: 90 minutos de envexa mentres pola pantalla os protagonistas visten Chanel, Louboutins e demais roupa luxosa. Aínda así, confío en que Sofia Coppola volva a atopar o rumbo e a contar historias de verdade e non anuncios de moda de 90 minutos.

Foto | The Bling Ring

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *