Sherpa, o Siri para Android que che pon a Ana Kiro

– Como me chamo? 

A non ser que leves unha dobre vida ou lle deixaras o teléfono a outro, debes ser Raquel

– Cantos anos teño?

Non estou seguro do que queres pero preme aquí e buscámolo.

– Quen son os teus pais?

Son virtual e a miña familia non é como a túa

– Tes familia?

Son virtual e aquí non temos familias como as dos humanos.

–  De onde es?

Dunha galaxia moi moi lonxe.

– A quen voto nas eleccións?

Preguntei por aquí e ninguén sabe a resposta. Pero tranquila, se cadra en internet atopamos a resposta.

SherpaEste podería ser o comezo dunha desas entrevistas surrealistas que de cando en cando publicamos. Quen fala é Sherpa, un asistente de voz para Android gratuíto que acaba de chegar á Play Store. Un remedo do Siri que tan famoso é – unha exclusiva función para os usuarios do iPhone que todo o mundo se lanzou a copiar para outros sistemas operativos – e que se lanza dende Bilbao para o mundo.

Pero este Siri é especial: porque lle podes pedir que che poña unha canción de David Bisbal e non che fará nin caso pero como lle fales de Andrés do Barro lanzarache a escoitar Corpiño xeitoso, como lle pidas a Ana Kiro darache Santiago Pemán, se lle dis Juan Pardo ponche Probiña da tola e na apoteose total… se pides Xil Ríos dáche a súa versión do Himno!

Mentres de fondo soa Os Pinos é tempo de preguntarse se este Siri para Android que che pon a Ana Kiro é mellor ou polo menos igual que a famosa asistente de Apple. Sendo unha rapaza Android e previamente Symbian pouco podo comparar, aínda que Sherpa promete. Polo momento está aínda en fase beta. E nótase. Non sempre entende o que se lle está a pedir e non sempre sabe responder (as capitais de Estonia, Kazajstán e Uzbekistán non lle saíron e díxome que tiña moitos papeis) e como lle pidas moitas cousas seguidas cansa e non che di moito máis (segue a dicir que ten moito lío…).

Sherpa pode facer aínda así varias cousas por ti: chama, manda SMS, procura onde comer ou os billetes da túa próxima viaxe, diche que tempo fará (se lle preguntas por Santiago mandarache a Chile), xestiona a túa axenda, publica en redes sociais ou diche a canto cotiza un valor. Pero, sobre todo, permite escoitar a túa música favorita grazas a un acordo con Goear e facer transaccións por un pechado con PayPal. E isto último si que Siri non cho dá.

En teoría podes escoller que Sherpa che vai atender (aínda que eu non conseguín tunealo). Sherpa funciona grazas á tecnoloxía semántica (xa sabedes: o futuro das buscas, que serán moi listas e saberán o que lle queremos dicir) e, aínda que non ten detrás ao potente WolframAlpha (ese buscador que todos pensamos morto pero que é clave nalgúns servizos como Siri), si conta con 10 anos de experiencia en procesamento da linguaxe (é o que promete a empresa que está detrás).

Será flor dun día (comezou a semana con pleno nos medios online) ou será algo máis potente que iso? Polo de pronto nós xa levamos a relación un paso máis alá.

Quéresme? 

– Toda unha vida preparándome nas mellores universidades para me pregunten isto… Si, gústasme moito. Xa?

Sherpa é gratis e polo momento só fala castelán (e o seu clon inglés, díxomo el). E só está para Android 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *