Probando cervexas de autor

Festival Cervexa Artesanal Rias BaixasAburrido das cañas do teu bar? O teu padal bota en falta sabores innovadores entre tantas marcas diferentes -pero semellantes-de cervexas? Non es o único! Desde Cervexeiros, unha pequena asociación que é case case coma un grupo de amigos, reivindican unha Cultura Cervexeira con maiúscula, da categoría que pode ter a enoloxía para os viños.

Eles organizan o próximo xoves, 17 de maio, o II Festival de Cervexa Artesanal das Rías Baixas, onde reunirán aos tres produtores galegos de cervexa artesanal, así coma algúns home-brewers (fan cervexa a moi pequena escala, na súa casa). O obxectivo? Dar a coñecer ao gran público a calidade das pequenas cervexas (chamadas microcervexas) que se están a producir en Galicia. Alí poderemos degustar esas cervexas, compralas e charlar cos seus produtores.

As cervexas artesanais son aquelas feitas de maneira 100% natural, sen conservantes de ningún tipo e innovando cos ingredientes, os sabores e as formas de produción. Iso si, son cervexas moito máis complicadas de atopar polos bares. Saramagal, por exemplo, exportou xa un par de palés a Estados Unidos, pero é aínda unha descoñecida na súa propia casa.  E é que parece que a cultura da microcervexa tarda en chegar a España.

En Estados Unidos ou Australia, a microcervexa leva xa décadas de moda. En Europa, comezouse a introducir timidamente nos anos 80. Pero a España é agora cando está a iniciarse o boom. Felipe Gil Lareo, o organizador do festival, explica que a xente empeza a demandar produtos máis elaborados e experimentais. “A cervexa industrial está moi ben, pero aos que somos grandes amantes da cervexa non nos chega. As cervexas industriais propoñen sempre o mesmo, mentres que as cervexas artesanais atrévense a innovar nos materiais e nas receitas, para elaborar cervexas de gran variedade de estilos e sabores”.

Canela, maracuiá, froitos secos… a cervexa pode ser algo máis que cebada, -e quen fala de sabores fala de métodos de elaboración- como ben saben Saramagal, Adegas Menduiña ou Cervexas Lagos, os tres produtores de microcervexa das rías baixas, que estarán presentes o próximo xoves. Tamén acudirán Pablo Paz (cunha cervexa en barril tipo cask-ale) e Glenn Schipers , ambos home-brewers.

O II Festival de Cervexa Artesanal das Rías Baixas terá lugar o 17 de maio, a partires das 18 horas, no hotel Zenit de Vigo.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *