Laconicum, cosmética para sibaritas e buscadores de tesouros

LaconicumHai xente que xa asocia o teu perfume a ti e que se senten confundidos cando algo lles arrecende como ti fas. Aínda que ti, obviamente, non teñas a exclusividade do perfume mass market que empregas. Nun mercado no que cada vez nos gusta máis ser diferentes, ter algo que nos faga máis individuais (a pesar das nosas casas amobladas de Ikea), a cosmética e a perfumería non ían quedar de lado. E nesa procura por facerse cunha cosmética distinta Laconicum pode ser un bo lugar no que buscar tesouros.

Laconicum é unha tenda online con case dous meses de vida na rede e que ten detrás a dúas “apaixonadas da cosmética”, como nos conta por correo electrónico María Martínez, unha das dúas fundadoras. “Levábamos dende o ano pasado discorrendo sobre a idea de montar algo xuntas. As dúas somos apaixonadas da cosmética, viaxamos moito e gústanos investigar, probar novas marcas”, asegura. Laconicum é un escaparate no que comparten os seus descubrimentos: marcas non moi coñecidas, con produtos distintos, acabados xeniais e propostas orixinais. “Son marcas con fabricación propia e distribucións pequenas e limitadas”, explica.

A presentación é tamén diferente. Non só os produtos que podes mercar son especiais, tamén o é a tenda online. Non ten nada que ver con mercar noutras tendas online de cosmética en España. As presentacións son divertidas, cada marca ten unha historia detrás que a web recupera e cada produto conta cos seus consellos de aplicación e as razóns polas que as vendedoras decidiron escollela. “Vendemos cosmética como unha canle de emocións”, defende María. “Non estás só a mercar unha crema magnífica, tamén a historia de quen a ideou”.

Anabel e María, as fundadoras de Laconicum

A tónica do que se ofrece na web mantense durante todo o proceso de compra. “Os produtos que mercas en Laconicum teñen un punto de capricho e de autorregalo e teñen que facer tanta ilusión no momento da compra como cando recibes o paquete na casa”, explica María. “Tentamos manter esa emoción en todo o proceso”.

E a verdade é que o conseguen. O paquete chega na clásica caixa de cartón de comercio electrónico (non moita novidade) pero cun tamaño moito máis grande que o paquete en si. A nosa proba foi cun xabón: viña empaquetado en papel de seda, rodeado de virutas que lle daban un toque luxoso e… con agasallos!, como mostras de produtos de alta gama acompañados dun aceno. “Son un agasallo”, poñía o seu empaquetado. A caixa, recibida tras un día de traballo, conseguiu no só arrancar un sorriso, senón que varias persoas recibisen claras instrucións de que deberían mercar en Laconicum e… un artigo en Disquecool.

Laconicum non ten gastos de envío para Península e entre a chea de marcas sorprendentes que venden hai dende un pintauñas que vén en lapis (a ata agora última incorporación, a marca Laqa&Co) ata un colorete vintage da suxerente marca Besame Cosmetics. Os prezos son variados, non moi caros (se temos en conta que é cosmética de alta gama e de importación moi limitada) e permiten darse algún capricho.

Fotos | Laconicum 

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *