Hai un ano Andrés Fraga e Juan Rivas “Coru” levaban case mes e medio camiñando. Cruzaban a interminable Finlandia, pero aínda lles quedaban moitos quilómetros e países por percorrer. Por fin, a principios de decembro, sete meses e 6.000 quilómetros despois de partir desde Nordkapp (Noruega), chegaban a Compostela no medio de aplausos, paraugas e un sentimento xeneralizado de que tamén é posible realizar fazañas épicas en pleno século XXI. E onte volveron a meterse na pel de peregrinos (reconvertidos en comisarios) para inaugurar unha exposición na Galería Sargadelos de Compostela.
A exposición ‘6MPasos. Nordkapp – Santiago de Compostela: unha aventura de 6.000 kilómetros’ ofrece unha visión xeral da viaxe na que as imaxes son as protagonistas. Conformada por 29 copias fotográficas de 100×70 centímetros que amosan algunhas das espectaculares paisaxes polas que pasaron, ademais dun muro cuberto por imaxes máis pequenas e de espírito máis cotián sacadas cos seus teléfonos móbiles. Como un muro de Facebook, si. Non esquezamos que o motivo da viaxe era (ademais da “fama e a gloria”) demostrar o poder comunicativo das redes sociais.
Os máis fetichistas poderán tamén ver (e ata tocar) a tenda de campaña na que Andrés e Coru durmiron a maior parte das noites deses sete meses, unha das mochilas, aínda chea de po, e un dos carriños que os acompañou mentres camiñaban polos carrís bicis de Alemaña e Suíza. E un detalle para os máis curiosos: se te asomas á tenda de campaña, poderás ata ver o libro que máis veces leron durante a odisea 6MPasos (en todas as versións, “en inglés, en castelán, a película…”, comentaba onte Coru). Non imos dicir cal foi, terás que descubrilo.
Na mesma sala na que se atopa o “muro de Facebook”, proxéctanse tamén imaxes en vídeo dos pés camiñando (sobre neve, auga, terra, estreitas pontes…) e de Coru pasando por diversos escenarios, paisaxes, e estacións do ano.
Os 6 millóns de pasos non remataron aquel chuvioso día de decembro no que Andrés e Coru chegaron a Compostela, pero tampouco rematan con esta exposición coa que tamén esperan percorrer algúns dos países que visitaron camiñando. O seguinte paso é editar todo o material que teñen gravado en vídeo en HD e dar forma a un documental. Esperamos ansiosos para velo!
*A exposición de 6MPasos pode ser visitada ata o 25 de xuño nas Galerías Sargadelos (Rúa Nova 16, Santiago de Compostela).
* Podes saber máis do proxecto 6MPasos na súa web, ou seguilos en Facebook, Twitter e Flickr.
Fotos | Andrés Fraga
Foto de portada | Óscar Corral
Gracias Ana un articulo precioso,creo que eras una seguidora más ? La verdad que invitas a no perdernos la exposición y englobas lo que representa 6M Pasos, sueños, lucha, constancia, merito, dedicación y claro seguidores que apoyamos esta aventura en la distancia. Una aventura épica !!!!
Gracias, Vane! La verdad es que no me perdí detalle de la aventura… (como tú ;))
Sempre tan amena, da gusto leerte
:)
Encántame o mural coas fotos pequenas