O rato do ordenador cumpre 30 anos


Tal día coma hoxe en 1981, un dos artiluxios máis importantes da historia recente da tecnoloxía viu a luz: tratábase do primeiro rato deseñado para ser utilizado cun ordenador persoal, neste caso o Xerox Star. A idea de chamar ao novo aparato “rato” non fai falla que a expliquemos, verdade?

O que si é preciso explicar é o feito de que o deseño orixinal databa de 1964 e foi obra de Douglas Englebart, un home que non só foi o inventor do rato, senón que tamén foi un dos pioneiros do que nun futuro sería internet: o seu equipo traballou coas primeiras formas do hipertexto, e foi un grande defensor do uso dos ordenadores e as redes como medio para acadar solucións aos problemas aos que se enfronta o mundo. Foi e é, porque Engelbart, que naceu en 1925, aínda segue vivo.

Pero voltando ao rato, o deseño orixinal de Engelbart todavía sufriu bastantes cambios antes de se converter no periférico posto á venda por parte de Xerox no seu Star 8010. Este modelo de ordenador é considerado na actualidade un dos máis emblemáticos, xa que foi tamén dos primeiros en incluír unha interface gráfica (á que axudaba moito ter un rato).

O resto é historia. En 1984 Apple lanzou o primeiro Macintosh, para o que pediran a un grupo de enxeñeiros da Universidade de Stanford un periférico seguro, barato, e fácil de producir en serie. O rato de Xerox deixaba moito que desexar e custaba uns 400 dólares. Pero a maxia Steve Jobs fixo un dos seus primeiros trucos e Apple logrou que o rato non só funcionase, senón que ademais o seu custo foi reducido a uns 35 dólares.

Na actualidade os ratos están a pasar un momento algo raro coa competencia de trackpads e pantallas táctiles, pero non parece que vaian facer moito dano. Todo parece indicar que, e perdón polo chiste malo, haberá rato para rato.

Foto | Santi

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *