III FIEC ou os festivais artísticos como celebracións do espírito humano

fiec

“Os festivais artísticos naceron como celebracións do espírito humano”, dixo David Binder durante a conferencia inaugural do III Foro Internacional de Espazos para a Cultura, adicado á Revolución dos Festivais Artísticos e a como estes teñen o poder de transformar as cidades durante uns días. E, durante día e medio, repasamos algúns dos festivais más importantes do mundo, falamos cos seus responsables, pensamos en como teñen que renovarse para sobrevivir ano a ano e, sobre todo, sentimos moitísimas ganas de pisar todos eses escenarios dos que nos falaron ou de dar ás nosas cidades un deses festivais que toman as rúas.

Porque non estabamos a falar deses festivais musicais de verán que son unha réplica o un do outro e que ao final quedan metidos nun recinto para os asistentes que pagan cifras astronómicas por asistir. Non. Estabamos a falar dos festivais que buscan ir un paso máis alá, que buscan que a xente, os habitantes da localidade na que se celebra, se impliquen, festivais que teñen claro que o lugar no que se celebran é tan importante como o público. Un público ao que hai que converter en actor.

binderA presentación do III FIEC correu a cargo, como xa diciamos, de David Binder, produtor de festivais e teatro en Broadway, que contou como os festivais artísticos, tal como naceron despois da Segunda Guerra Mundial, quedaron de súpeto antigos e no século XXI houbo que reinventarse: o público no centro, ese diálogo entre o local e o global e a idea de que “a imaxinación non pode estar pechada en edificios”. Falou de como os escenarios atípicos para os festivais fan que sexamos máis abertos (como cando viaxamos) e como os festivais artísticos deben ser unha forma de expresión para a cidade e como melloran o seu benestar psicolóxico.

Despois tocou facer un repaso dalgúns destes festivais. María Sheila Cremaschi, directora das edicións de Segovia e Budapest do Hay Festival, explicou como se organiza cada ano o festival, como intentan sempre implicar á comunidade local na súa organización (facendo que o sintan como algo seu), e como non son só os festivais os que modifican as cidades, senón que estes cambian e deben ter en conta tamén cal é o escenario.

Na mañá da segunda xornada estiveron Hortense Archambault, co-directora do Festival de Avignon, que destacou o poder democratizador cultural dos festivais e como cada ano deben renovar, estimular e revolucionar, tendo en conta a diversidade dun público que se intenta tamén que poida dialogar cos artistas; e Jesús Cimarro, director do Festival de Teatro de Mérida, deu a visión máis económica do que supón organizar un festival e do que este pode aportar tamén económicamente á cidade.

Xa pola tarde (despois de vernos obrigados a comer a única opción de menú que ofrece a Cantina da Cidade da Cultura), Paco Martín, director do festival La Mar de Músicas de Cartaxena, contou como o festival naceu coa idea de animar a cidade os veráns (cando queda deserta) e como durante uns días a música de todo o mundo toma a cidade nos seus distintos escenarios (e como xa non é só música, senón que tamén hai letras,  cine e arte en xeral dun país que se escolle cada ano -para o que vén, por certo, deu a primicia de que posiblemente sexa Noruega).

A última conferencia era unha das máis esperadas (por min polo menos), a do director do Festival de Edimburgo Sir Jonathan Mills, e foi quizais tamén unha das máis polémicas pola súa actitude algo estirada e por limitarse a ler o texto que traía. Un texto, non obstante, bastante interesante (aínda que posiblemente moito máis axeitado para ler que para escoitar), unha reflexión sobre os espazos para a arte, sobre a necesidade de adaptar os festivais ás esencias das cidades (algo que se está a perder coa uniformización da globalización), sobre por que hai que deixar de pensar en “construír centros de arte nas cidades” e facer máis ben “que as cidades se convirtan en centros artísticos”.

Na parte das preguntas todo mellorou, con Mills algo máis solto e coa súa reflexión sobre como as crises deben ser aproveitadas para cambiar as cousas. O Festival de Edimburgo naceu tras a Segunda Guerra Mundial para “restaurar a fe” e “abrazar o mundo”, nun momento, 1947, no que non había nada. “Nunca desperdiciedes unha crise”, aconsellou Mills. O momento de empezar de novo, cambiar a dirección das cousas, e lembrar que foron “os banqueiros, e non os artistas” os que nos levaron a esta situación.

A conclusión xeral das xornadas? Conferencias moi interesantes nas que se botou en falta, iso si, algo de debate: que os puxeran a falar entre eles, ou que aproveitaran aos presentadores (cada un foi presentado por un representante galego do mundo da xestión cultural e festivais) para algo máis que para falar un minuto e quedar sentado na mesa o resto do tempo.

Do que si nos quedaron ganas é de ir a todos os festivais dos que se falou e, sobre todo, de que as nosas cidades ou vilas acollan un. Nós tamén queremos celebrar ese espírito humano e artístico.

*Podes ver as conferencias na web da Cidade da Cultura

Fotos | Manuel G. Vicente (Cidade da Cultura)

Shares

1 comentario

  • Raquel di:

    Tamén se botaron en falta máis buses e unha cantina na que non che obriguen a comen un prato, como se fose o menú do comedor da escola!! ;)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *