De Vacas, ou como dignificar as músicas da adolescencia

De Vacas | Disquecool

Ti que pasas o verán entre Paredes de Coura, o Primavera Sound e o Portamérica, ti, non o esquezas, tamén coreaches cancións das Spice Girls. Incluso é moi probable que tiveras unha favorita e te disfrazaras para que a actuación resultase máis realista. Inés Salvado, Paula Romero e Faia Díaz non son unha excepción. Elas tamén tiveron unha adolescencia marcada por este grupo feminino, e moitos anos despois, ensaiando xuntas nun dos coros dos que forman parte, deixáronse levar polo girl power. “Comezamos a facer as coreografías que tantas veces bailaramos e emocionámonos moito. Así que decidimos constituír unha plataforma para dignificar as nosas músicas da adolescencia, rescatalas da memoria e volvelas a compartir”. E así naceu De Vacas, un grupo de versións formado por unhas cantas vaquiñas.

A Marela (Inés), a Morena (Paula) e a Pinta (Faia), que forman parte do Coro da Rá e o Coro Encaixe, uníronse a unha cuarta vaca, a Rubia, detrás da cal se atopa Guille Fernández, cunha ampla traxectoria en formacións como Berrogüeto ou A CadaCanto. “Vivimos e traballamos en Compostela. Vimos de diferentes formacións musicais, diferentes estilos, e confluímos neste proxecto en común”, explican.

Hai algo máis dun ano De Vacas comezou a xermolar “nun grupo de guasá”. O seu primeiro éxito produciuse en internet, grazas a unha versión de Gangnam Style. “Internet é unha ferramenta moi valiosa para amosar o noso traballo, no que damos tanta importancia á parte visual como á musical. Ademais, o público comparte os contidos, facilitando moito a labor de difusión, e nós temos máis tempo libre para retozar polos prados”.

Pese á inspiración inicial das Spice Girls, o certo é que polo momento ningunha das cancións que interpretaron son versións do famoso quinteto. Pese a isto afirman que “o Wannabe sempre está presente, e todo o demais vai na mesma liña de temas que nos marcaron na nosa persecución dun soño adolescente, converternos en cantantes famosas…”. Din que a chegada da Rubia ampliou o espectro musical á hora de afrontar novos temas. “Son moitos os artistas que axudaron a crear a cultura da nosa infancia, entre eles grupos da tradición musical galega. Por iso temos tamén unha versión do Alalá das Mariñas á que lle chamamos Alalá das Coniñas, e tamén por iso cantamos a Beyoncé con ritmo de muiñeira”.

Entre os seus grandes éxitos tamén se atopa a De noche y de día, de Enrique Iglesias. Si, todos lembrades o videoclip… Tamén a Marela, que foi bailar ao Carboeiro. Quizais por iso afirman que un dos mellores momentos deste primeiro ano de De Vacas “foi cando Enrique Iglesias escoitou a nosa versión”. Pero que relación teñen co cantante? “El en Miami e nós en Compostela… é unha relación a distancia e, como todas, nada fácil”, afirman co seu habitual sentido do humor.

O proceso que seguen para versionar as cancións é lento. “Teñen que gustarnos ás catro, e teñen que ter unha musicalidade que nos permita transformalas e facelas nosas. O obxectivo é rescatar a esencia dos temas, desbotando o envoltorio comercial”, explican. O primeiro é crear a base harmónica e rítmica coa guitarra, e sobre ela fan os arranxos vocais. “O máis difícil é decidirse por un ou outro tema dentro da gran cantidade de xites que moran no subconsciente colectivo”.

O seu repertorio, como non podía ser doutro xeito, tamén inclúe un éxito de Eurovisión, Hombres, de Eva Santamaría, que representou a España en 1993. “Eurovisión é un filón inesgotable”, aseguran. Tampouco lle teñen medo ás linguas. Polo de agora teñen cantado en coreano, romanés, galego, portugués, inglés e castelán. “Somos sextilingües, Galicia sextilingüe. Plataforma xa!”.

Fermosas e sorprendes versións, moito humor e lembranzas adolescentes. Se queres deixarte engaiolar por De Vacas, Marela, Morena, Pinta e Rubia sairán a pastar a Compostela o próximo 21 de novembro, e a Cee o 5 de decembro.

Fotografía | DE VACAS

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *