MOIMOI: deseño escandinavo cun toque galego

Bolso MOIMOI

O deseño nórdico encántanos: materiais naturais, liñas depuradas, sinxeleza e naturalidade…. dan como resultado obxectos fermoso e cálidos, nun estilo que a pesares de estar de moda, segue a ser tremendamente cool.

Pero para formar parte dese deseño escandinavo non fai falla ser noruegués, finés ou sueco. A viguesa Raquel Alonso, coa súa marca MOIMOI, aínda descoñecida en España, comeza a facerse un pequeno nome no mercado finés. É alí onde vive e onde traballa xunto ao seu socio, Kalle Järveläinen. Todo empezou cun proxecto de fin de posgrao demasiado bo como para deixalo pasar: “Eu estivera en Finlandia de Erasmus no 2006 (estudando o deseño téxtil nórdico) e xa de volta en Barcelona, fixen o meu proxecto da marca MOIMOI pensando no mercado escandinavo. Volvín a Helsinki no 2010 para facer prácticas nunha empresa. Ao acabar as prácticas decidín probar se podía facelo real desde aquí. Nese momento uniuse ó proxecto Kalle e puxemos MOIMOI en marcha. Para as marcas de moda é moi importante a internacionalización, así que pareceume que era mellor empezar desde fóra desde o primeiro momento”.

Xoias MoiMoiQue atopamos en MOIMOI? Bolsos, moedeiros, carteiras e xoias, con ese toque práctico e estético que tan fácil resulta querer. Trátase de produtos feitos con materiais naturais (sobre todo coiro e madeira) e en moitos casos a man; é o caso dos colares de madeira, por exemplo, que Raquel pinta a man un a un: “cada colar é unico”, sinala.

Aínda que o estilo de MOIMOI é claramente nórdico, recibe certo influxo meridional, especialmente no tocante ás cores: “Mesturamos as liñas máis depuradas do deseño escandinavo e a cor dos veraos en España”.  O resultado é esa marca que vai entrando, pouco a pouco, nos corazóns fineses: “A acollida aquí é moi boa. A xente gústalle moito o que facemos e aprecian moito os materiais naturais que usamos”. Aínda que non contan con tenda propia, pódense atopar os seus produtos en diversas tendas de Finlandia, Xapón e Rusia. Tamén tiveron unha tenda-coletivo durante 2 anos en Helsinki, pero a partires de este verán decidiron dar un cambio e empezar a facer tendas Pop Up en distintos sitios da cidade.

Polo momento, non contan con puntos de venda en España, pero a través da súa páxina web pódense facer pedidos a toda Europa, e paga a pena botar un ollo.  O único malo é que os prezos parecen máis aptos para petos escandinavos: aínda que hai bolsos desde os 16 euros (os tote) o meu preferido supera os 200 euros -podes velo en portada-. Hai que ter en conta, iso si, que o obxectivo de MOIMOI e facer produtos e deseños que duren, con materiais moi coidados (como o coiro ecolóxico de Lapland) e baseados na manufactura. Como eles mesmos explican: “Calidade mellor que cantidade”.

Fotos | Joan Morera

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará