Intercambia as túas plantas e sementes!

Se tes unha planta que queres cambiar, se queres ampliar a túa colección de sementes ou se tes unha minihorta no balcón que non sabes moi ben como coidar, este sábado día 11 tes unha cita no 2º Intercambio urbano de plantas e sementes que se celebrará no barrio dos Mallos da Coruña, un evento destinado ao intercambio-troco de plantas, gallos, sementes, ideas e modos de cultivar en contornos urbanos e periurbanos.

A iniciativa parte do interese das irmáns Cristina e Josefina Anllo polo desenvolvemento local, así como da unión das súas profesións. Cristina é arquitecta urbanista e conta cun showroom no barrio, Microprojets, dedicado a paisaxismo, agricultura e exploracións urbanas, e Josefina, ademais de rexentar unha farmacia tamén nos Mallos é a primeira doutora en Etnobotánica —o estudo das relacións entre os grupos humanos e o seu contorno vexetal— de Galicia.

En novembro impulsaron o 1º Intercambio urbano de plantas e sementes co obxectivo de “crear novas redes para a comunicación, basicamente as que existen no rural en relación ás plantas”. “Trátase de trasladar esas redes á cidade e crear unhas novas, utilizando por exemplo as novas tecnoloxías”, explica Cristina. O encontro persigue pois a transmisión oral e cultural do patrimonio ecolóxico, así como fomentar a actividade de barrio.

Haberá unha zona de intercambio de plantas, un banco de sementes —que irá medrando en cada edición—, un hospital de plantas, biblioteca de consulta, e incluso unha zona de adopción. A idea que reside tras cada unha destas actividades é a do intercambio non só de plantas ou sementes, senón sobre todo de coñecementos sobre o cultivo e o coidado dos vexetais. Trátase dun evento “moi aberto”, no que “a protagonista é a xente”, segundo salienta Cristina. Na primeira edición medio centenar de persoas se implicaron nesta cita, achegando propostas e ideas, como por exemplo, “incluír no paquete de sementes a receita de cociña para a preparación desa variedade”.

Cristina explica que o encontro atrae a todo tipo de xente, pero destaca sobre todo a implicación dos maiores. “No rural esta tradición existía, no urbano non, e neste barrio hai moita xente maior procedente do rural que conta con estes coñecementos, dos que podemos tirar proveito”, afirma. Os nenos son outros dos grupos que máis gozan da experiencia, e de feito están desenvolvendo liñas de colaboración con centros educativos.

* O 2º Intercambio urbano de plantas e sementes desenvolverase de 10.30 a 14.30 horas no ángulo da rúa Ribadavia coa rúa Vizcaya.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará