Galegobook: ebooks de consulta a un só click

Parece a primeira vista Facebook pero non o é: é Galegobook, un recén aterrado blog na blogosfera cun deseño inspirado na popular rede social e un interesante propósito. Quere ser o directorio ao que os internautas podan recorrer cando buscan un libro de consulta electrónico en galego.

“Galegobook definiríao como uns marcadores sociais do tipo Delicious mais con algo de estilo, digamos que máis cool”, explícanos con humor por correo electrónico Iván Méndez, técnico de normalización lingüística nun concello galego e vogal da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, así como responsable – único – do proxecto, “arredor de obras técnicas ou de difusión sobre a lingua galega, nas súas múltiplas facetas”.

A CTNL tiña un listaxe en Delicious de recursos electrónicos en lingua galega que, cando se rumoreou que o agregador tiña os días contados, correron a sorte de desaparecer na rede. Méndez agrupounos no Galegobook. “O Galegobook partiu con esa idea de dar maior visibilidade a todo o traballo que arredor da lingua galega se fai, que é moito, moi variado e dunha grande calidade”, sinala.

Aínda que no libro electrónico o galego está un pouco verde en termos xerais, non sucede o mesmo cos textos de ‘recursos da lingua’ que son variados e que andan dispersos pola rede e non son especialmente coñecidos. “O Galegobook pretende ampliar máis ese público e publicitar tanto os e as autoras como as entidades que desenvolven ese labor, ademais de centrar nun único espazo na rede todas as obras que deste estilo existen, para facilitar a súa consulta e a súa descarga”, apunta Iván Méndez.

Todas as obras indexadas son de descarga libre e legal.

Polo momento, non hai plans para saltar dende as obras de consulta ás literarias.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará