Santiago de Compostela a través das olladas dos turistas

50 turistas de diferentes nacionalidades, idades, intereses e actitudes; unha cámara de fotos de usar e tirar e un mapa. Estes son os ingredientes de ‘Give me your picture’ (‘Dame a túa foto’), unha intervención que a artista Carolina Caluori e a comisaria Basilia Fiestras deseñaron para a Zona “C” de Santiago de Compostela, e que pode visitarse ata o próximo 24 de abril.

‘Give me your picture’ afonda sobre a figura do turista como “coleccionista de lugares” e sobre como distintos turistas observan un mesmo espazo  nunha cidade de interese turístico internacional como é Santiago. Para tal fin, cada visitante contou cunha cámara coa posibilidade de facer 27 fotografías e un mapa da contorna da Catedral para que puidesen atrapar coa súa ollada distintas localizacións que conformarán un novo mapa do tecido urbano.

Ademais destas fotografías, dispostas a modo de postais turísticas, a intervención conta con todos os elementos de produción: as cámaras e os mapas utilizados, e un ordenador no que se pode consultar a galería de fotografías do proxecto en Flickr.

A mostra está organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Santiago, en colaboración co Máster de Arte e Museoloxía de Arte Contemporánea da USC, e pode visitarse de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 20.00 h.

Foto | Flickr do proxecto

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *