5 redes sociais para amantes dos libros

libros

Con tanta serie e tanta película, moitas veces esquecemos outro pracer de tipo artístico que leva moito máis tempo connosco: o da literatura. Que mellor plan para unha tarde de choiva que quedar na casa lendo un bo libro? Que mellor plan para unha tarde de sol que poñerse no xardín a ler e porse moreno? Que mellor plan para unha viaxe en tren, para unha espera no aeroporto, para eses días nos que non queres ver a ninguén?

Houbo un tempo no que parecía que a tecnoloxía ía acabar cos libros e co interese da xente na lectura, pero xa sabemos que non é así. A tecnoloxía ten ata engadido un extra moi interesante: o das redes sociais de libros, unha especie de clubes de lectura online, de plataformas nas que dicir que les, puntualo e compartilo (e recibir recomendacións!) que farán que atopes a alguén a quen lle gusten tamén esas cousas tan raras que les. Por onde empezar? Podes probar algunha destas 5 redes sociais para amantes dos libros:

1. GoodReads. É difícil atoparlle rival: é sen dúbida a rede social deste tipo máis popular, ten un deseño atractivo e fácil de usar, e moitísimas posibilidades: dicir que libros estás a ler, cales queres ler, crear e consultar listas, valorar os libros, comentalos, unirse a grupos temáticos, e ata facer tests sobre os teus libros favoritos ou propoñerte retos de lectura! Foi mercada por Amazon hai uns meses, o que pode ser bo e malo, pero nós somos moi fans. Se ademais tes un Kindle lanzado nos últimos meses podes instalar a súa app e xa facelo todo directamente desde aí.

2. LibraryThing. Outra das máis populares, cunha vantaxe moi grande sobre GoodReads: está en moitísimos idiomas, galego incluído. Se buscas un libro podes ver canta xente o leu, a súa puntuación media, ler as críticas, consultar mencións, ler artigos relacionados ou obter recomendacións baseadas nel. O máis interesante de LibraryThing é o seu funcionamento máis como foro, con “conversacións”, que só como sitio no que valorar e compartir libros.

3. Lecturalia. A rede social de libros máis grande entre hispanofalantes: non é demasiado bonito, pero está cheo de información sobre libros e autores, perfecto para calquera que necesita sabelo todo sobre o que está a ler. Ten tamén un blog bastante interesante, centos de listas, e permite, por suposto, valorar e comentar os libros que imos lendo, dos que podemos dicir se xa os rematamos, se estamos a lelos ou se están na nosa lista de espera. Podes mercar ebooks directamente desde a plataforma.

4. Qué libro leo. Outra rede social en castelán, esta máis pequena que Lecturalia pero igualmente interesante (e algo máis bonita). Permite as mesmas opcións básicas que as outras propostas, pero como o seu deseño está bastante máis coidado (sen contar GoodReads) resulta bastante atractiva. A rede social ten un clube de lectura colectivo en Facebook: cada mes escollen un libro e o len e o comentan na páxina. E teñen case 240.000 seguidores!

5. Tú qué lees. Se o que queres é coñecer a xente que lea as mesmas cousas ca ti, esta é a túa rede social: ten unha sección de almas xemelgas! Cando leves varios libros valorados, o sistema buscará a outros usuarios con gustos similares… quen sabe, podería ata xurdir o amor. Outra sección moi interesante é a dos próximos lanzamentos, moi práctica se es dos que queren estar ao día das novidades editoriais. Despois, claro, podes facer o mesmo que no resto: buscar libros, valoralos, etc.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *