4 películas e series sobre a intelixencia artificial

Xa antes de que a intelixencia artificial estivese por todas partes e a xente lle preguntase a ChatGPT que facer de comer, a IA era material para exploracións literarias, cinematográficas e televisivas. Soñar con como sería un mundo no que as máquinas o fixesen todo foi case como un must recorrente do século XX.  Pero que pasa cando as máquinas xa o fan todo (ou iso sentimos)? Pois que se seguen a facer series, películas e novelas sobre o tema. Aquí van catro propostas audiovisuais de series e películas sobre a intelixencia artificial. (E non, non está Her, xa o sabemos).

Murderbot

A verdade é que non é moi complicado entender ao protagonista desta historia, un robot que traballa como unidade de seguridade e que o único que quere é que o deixen tranquilo para ver seriais. Unha desas producións chea de estrelas de Apple TV+ (de verdade, de que viven? Canta xente está dada de alta?) baseada nunha serie de novelas de Martha Wells que responden á pregunta de que pasaría cando o robot intelixente adquire consciencia.

O home perfecto

Unha película que xoga coa linguaxe das romcoms para facer preguntas sobre os límites das relacións coa tecnoloxía. Unha investigadora que precisa cartos para a súa liña de investigación acepta participar nun experimento a cambio de financiación: convivirá co «home ideal», basicamente un robot con IA deseñado para ser a súa media laranxa.

Upload

Que pasa cando non morres de todo e as túas lembranzas son subidas á nube, o que permite crear versións de ti eternas? Esta é a premisa da que parte esta serie estadounidense, na que o máis alá existe e é un universo na nube alimentado con IA e cunha armada de persoal de oficina que responde ás necesidades e demandas dos seus clientes virtuais. Iso, claro, se tes cartos para pagar o servicio premium. As clases non desaparecen cando morres no plano físico.

Evil

Esta non é unha serie sobre os males da tecnoloxía, senón sobre o mal en si. E se hai mal, pois hai tecnoloxía. Como en todas as series do King (que nesta redacción amamos), a trama sérvelles para explorar moitos dos puntos candentes da realidade contemporánea. Algoritmos, redes sociais e intelixencia artificial son parte desas cuestións.

Foto | Apple TV+

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *