Cando Alexandre Fisterra morreu, a súa muller non puido ler o testamento que deixara. Dixéronlle que nos contidos había “un segredo de Estado”. A historia, que podería ser o primeiro capítulo dunha novela desas de misterios familiares ocultos no paso das décadas, é, en realidade, o último que conta Alessio Spataro en Futbolín, a banda deseñada que lle dedica a Alexandre Fisterra, o inventor do futbolín, e que acaba de publicar DeBolsillo.
Fisterra, Alexandre Campos de nacemento, pasou á historia como o galego inventor do futbolín. É algo que todos acabamos aprendendo porque é un dato que é habitualmente referenciado. Hai artigos sobre o tema que aparecen de cando en cando na prensa, é un dato recorrente nos listicles sobre Galicia e sobre os galegos e é unha desas cousas que sempre se acaban comentando tras un sabías que… Para os nenos galegos que medraron nos 90, o de que Alexandre Fisterra inventou o futbolín era tamén unha canción do Xabarín Club. O dato, sen embargo, queda habitualmente como un punto final. Alexandre Fisterra inventou o futbolín e xa está. O certo, sen embargo, é que a historia é moito máis novelesca e Fisterra ten unha desas vidas curiosas dos exiliados que tanto gustan para crear novelas sobre a Guerra Civil e as súas consecuencias.
A banda deseñada recolle eses feitos novelescos, que presenta en diferentes capítulos que se centran nalgúns hitos da súa biografía. Si, Futbolín non é unha completa biografía sobre o seu suxeito pero si un interesante punto de partida (que funciona) para coñecer algo más sobre Fisterra e, sobre todo, ter claro que non só inventou o futbolín. Por ter, o inventor ten ata unha serie de mitos asociados á súa figura e unha serie de rumores.
Os seus críticos encontraban turbio que non se soubera moi ben como Fisterra lograra escapar de España tras rematar a II Guerra Mundial e tamén apuntaban que mantiña relacións demasiado de amizade con algúns turbios gobernantes de América Latina. A lenda di, por certo (e é material altamente novelesco), que Fisterra conseguiu deixar España trala guerra porque un lord inglés estaba profundamente namorado del, así que fuxiron xuntos (Fisterra era, nesta historia, un profesor de baile nunha academia da Coruña) ata que o lord morreu un par de anos despois e lle deixou unha fortuna en libros.
Na historia oficial, Fisterra era un home de esquerdas, comprometido, que coñeceu a moitos dos intelectuais de peso da segunda metade do século XX. O futbolín foi o seu primeiro golpe de efecto, por así dicilo, unha invención que fixo sendo aínda moi novo (tiña 17 anos e estaba nun hospital en repouso, recuperándose das feridas causadas por un bombardeo) para que os nenos que estaban hospitalizados con el puidesen xogar. Fisterra patentou o invento na Barcelona da guerra, pero a patente acabaría por se perder escapando ao exilio en Francia (logo volvería a España por recomendación do pai e acabaría sendo represaliado) e o xogo acabaría por ser unha desas cousas que dan para unha historia sobre as patentes e os piratas das mesmas.
Tras eses anos de xuventude, Fisterra marcharía a Guatemala (onde fabricaría futbolíns), sería un dos primeiros secuestradores de avións (cando o quixeron repatriar á forza a España e finxiu que un xabón era unha granada para desviar o voo) e viviría en México (onde montou unha editorial e publicou a algúns deses intelectuais de esquerdas que tan ben coñecía).
Futbolín acaba de aparecer en castelán en DeBolsillo
Foto | Luis