Fashion Revolution Day: Quen fixo a túa roupa?

4662911187_a2d0222a44_b

O 24 de abril de 2013, un total de 1.133 persoas morreron e máis de 2.500 resultaron feridas debido ao afundimento do Rana Plaza en Dhaka, Bangladesh. Para lembrar a estas persoas, crear conciencia acerca dos costes reais da moda e demostrar ao mundo que un futuro máis sostible é posible, no ano 2014 naceu Fashion Revolution Day.

En 2015 FRD volve a tomar as rúas e as redes sociais para facernos reflexionar, compartir e celebrar todas aquelas iniciativas que apostan por outra forma de facer as cousas no téxtil. O lema para este segundo Fashion Revolution Day é “Quen fixo a miña roupa?”. Imaxina un fío que vai desde a túa prenda, á persoa que o confeccionou e de aí ata o agricultor que cultivou o algodón co que está feita.

FRD2015_instructions_on24th-700x700Podes participar no Fashion Revolution Day de moitos xeitos. A iniciativa, de alcance internacional, anima a todas as persoas a preguntar ás marcas de roupa onde se fixo a roupa que levan, usando os hashtags #FashRev e #whomademyclothes.

Tamén podes achegarte aos eventos que se celebran preto de ti. En Galicia, Latitude Contemporary Fashion Makers organiza “Reconnect”, unha experiencia participativa que se plasmará nun vídeo, un xeito de volver a conectar coas persoas que fan posible as nosas prendas. Como te imaxinas á persoa que fixo a túa roupa? Onde vive, como traballa? Cales son os seus soños? E ademais, como estamos en Galicia, unha comunidade cunha grande tradición téxtil, desde Latitude están seguros de que moitos de nós temos unha avoa que cosía ou alguén na familia que traballaba nun taller téxtil. Queren recoller tamén estas lembranzas que forman parte da nosa tradición, polo que se te animas a contar as súas historias, podes facelo mañá venres de 12.00 a 14.00 horas nas súas oficinas na Cidade da Cultura (Edificio Museo Centro Gaiás, locais 1 e 2), en Santiago de Compostela, ou contactar con eles no seu enderezo electrónico.

 Foto Christopher Bulle

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *