Cando pasa Semana Santa chega a primavera (pouco importa que ás veces chegue oficialmente antes), comeza a conta atrás para as vacacións (pouco importa que xa non esteas na escola e que non dependas xa das vacacións escolares) e empeza o bo tempo (e pouco importa que isto non sexa realmente verdade: digamos que aos nosos corazóns si chega o bo tempo). E, por suposto, comeza a tempada que xa popularmente se coñece como BBC polas siglas en castelán das palabras que enmascaran (e recibín polo menos media ducia de notas de prensa que empregaban o termo no encabezado, así que a BBC é un feito) ou, o que o mesmo, ese momento do ano no que acabas nunha Primeira Comuñón (aínda que pensabas que non ías ir a ningunha dende a túa), nunha voda ou en calquera acto social ao que a familia che empurra. E que é máis importante que o outfit para un evento? Á última voda á que fun tropecei, mentres buscaba o meu vestido na recta final (digamos un par de días antes), cunha rapaza que estaba buscando o seu traxe de invitada para unha voda que ía ser sete meses despois.
Penso que a xente non durme pensando en como vestirse para todos eses eventos.
E entenderedes, por tanto, por que, aínda que falamos coa súa creadora hai uns meses, decidimos gardar este contido para agora: porque agora é cando máis o ides necesitar (aínda que, como nos explicaba mentres falabamos do que fai, isto non é patrimonio exclusivo para ir a vodas e eventos varios: podes vestilo cando queiras).
De que falamos? Falamos de chapeus con deseños personalizados, tocados, diademas, coroas de flores… Fainos María Munín, que é a artista detrás de Oh’Meri, unha tenda online galega especializada en todos estes produtos. Unha das miñas amigas mercou un para unha voda o verán pasado e dende entón estou buscando unha escusa para facerme cunha coroa de flores ou cun tocado. “Non tes que levalo só nun evento”, dicíame María cando falabamos de Oh’Meri, nun showroom de (como non) vodas e das miñas preocupacións por non ter unha axenda de festexos que xustificase a miña necesidade de facerme cun tocado. “Podes levalo cun vestido superbásico e cambiar por completo o estilismo”, explicábame.
A historia de Oh’Meri é moi similar a moitas que escoitamos nos últimos tempos relacionadas coa moda. “Sempre me gustaron os tocados”, dinos, “e non atopaba moitas cousas que me gustasen en Galicia”. Así que María Munín comezou a probar a facer as súas cousas e “vin que gustaban”. E de aí naceu a súa aventura. Recoñece que en Galicia non temos tanta tradición como pode haber noutras zonas, como por exemplo o sur de España, de poñernos este tipo de cousas, pero o certo é que cada vez somos máis abertos a probar cousas novas e non podemos negar que os sombreiros, os tocados e similares están cada vez máis de tendencia.
Hai cabezas que non están preparadas para levar tocados?, pregunteille entón a María, pensando directamente na miña. “Non hai que ter medo”, explicoume ela, “a poñer un tocado. Tes que escoller un que pegue co teu estilo e coa túa personalidade”. “Non a todo o mundo lle queda ben o mesmo tocado”, concede, pero non por iso hai que deixar de buscar o que encaixa con cada un. “Tes que te sentir cómoda”, dime (e promete que “non te sentirás como todos os días”).
Ademais, Oh’Meri permite xogar coas cousas que nos gustan. A tenda ten deseños propios (conta cunha colección que podes ver e mercar) pero tamén é posible axustar o deseño ao que queremos de xeito específico. “A xente quere cousas exclusivas, personalizadas e que sexan para eles e para ninguén máis”, dinos. Dentro do propio estilo de Oh’Meri (romántico e encantador) todas as cousas poden ser axustadas, por exemplo nas cores ou nas flores, ao que realmente precisamos ou buscamos.
Os prezos non son escandalosamente elevados, como sucede habitualmente con este tipo de produtos (as cousas na tenda comezan nos 15 euros), e ademais intentan traballar con provedores de proximidade (o que dá un punto a maiores).
le8xoe