Xa case está aquí! Dentro dunha semana moitos de nós (cantos? levantade as mans!) estaremos en Porto desfrutando da segunda xornada do Optimus Primavera Sound, o irmán portugués do orixinal de Barcelona. O ano pasado decidimos pasar de Porto e correr (voar) a Barcelona só para ver a Sharon Van Etten e Father John Misty, pero este ano decidimos facer as cousas ben. Se os nosos lectores ides a Porto, nós tamén. Só hai que intentar non pensar en Daughter, Phoenix, Christopher Owens ou Camera Obscura. Centrémonos simplemente en non ter que percorrer varios quilómetros entre un escenario e outro e no cartel que si temos en Porto.
Tras unha detallada análise, xa temos a nosa lista feita. Non é fácil ser pop no Primavera de Porto este ano, avisamos! Pero estes son os 10 artistas que non nos perderemos.
1. Blur. Di o que queiras. Eles son Blur; nós, fillos do britpop. Como perder a oportunidade de ver de novo a Damon Albarn con Graham Coxon no escenario? Como non querer estar en primeira fila cando soen clásicos da nosa adolescencia como Charmless Man ou Beetlebum? E o subidón que xa podemos imaxinar con Girls & Boys? (O vídeo é un concerto enteiro deste ano, para non levar sustos).
2. Nick Cave & The Bad Seeds. Que dicir? Non teño moitas palabras para isto. Só que ver a Nick Cave en directo nalgún momento das nosas vidas debería ser obrigatorio. Só a súa presencia (e a de Warren Ellis) enche o escenario. Xa veredes que medo e que movementos e enerxía especial.
3. Grizzly Bear. Somos moi fans destes rapaces, do seu primeiro disco e do segundo disco tamén, e temos unhas ganas enormes enormes de velos en directo. Que bonito é o pop.
4. Los Planetas tocan ‘Una semana en el motor de un autobús’. Temos visto a Los Planetas en directo moitas veces, si, pero nunca facendo este disco (que está de aniversario) enteiriño. Cumpleaños total, Segundo Premio, La Playa e todo o resto.
5. Neko Case. Saída dos New Pornographers para tristeza primeiro dos fans da banda e alegría despois dos que viron o que podía facer en solitario. A súa carreira xa está máis que consolidada e ninguén debería perder a oportunidade de vela en directo.
6. Daniel Johnston. Aquí tampouco hai moito que dicir. Fai un par de buscas en Google e mira quen é Daniel Johnston (supoñendo que non o saibas). Entra no seu universo. Non sairás nunca.
7. Local Natives. A primeira vez que oín falar de Local Natives foi grazas a unha versión fantástica que fixeron do Cecilia de Simon & Garfunkel, só con percusión. Despois seguín investigando, escoitei moito ‘Gorilla Manor’ e agora, algo menos, ‘Hummingbirds’. Pero parece ser que en directo non teñen desperdicio.
8. The Breeders. Os 90 outra vez, así somos. Quen non sinte un pequeno calafrío cada vez que soa o riff de Cannonball? O obxectivo é sentilo en directo e chorar polos nosos 12 anos.
9. Daughn Gibson. Hai algo na voz deste rapaz, profunda, profunda, que fai que necesite velo en directo. Promete hipnose e espirais sen fondo. E quizais haxa que bailar.
10. Dear Telephone. Algo bo tiña que ter ir a Porto! Haberá moitas bandas portuguesas, pero nós quedámonos con estes porque, xa sabedes, son pop e nós moi delicados.
Tedes (temos) un pequeno problema, xa que Daniel Johston e Local Natives tocan ó mesmo tempo. Eu vou tirar polos Natives… Do resto que recomendades, espero non perderme ningún…
Xa! É un problema que non me deixa durmir polas noites…