Primavera Sound 2012: festival de humor folk (sábado 2)

(Marcamos cun asterisco vermello aos artistas que tocarán esta fin de semana no Optimus Primavera Sound en Porto)

E de súpeto, case tan rápido como chegou o Primavera Sound, marchou. Hoxe empezará para moitos de vós en Porto, mentres que o de Barcelona queda xa nun recuncho das nosas mentes. O sábado era o día máis esperado (por min). Nos festivais hai sempre xornadas que invitan ao descubrimento e xornadas que simplemente parecen deseñadas especialmente para facer feliz ás nosas vertentes fan. O sábado era ese día para min.

Father John Misty

Father John Misty. Foto | Disquecool

– Father John Misty. É fácil que non vos soe, pero quizais engadindo que o nome real de Father John Misty é Joshua Tillman e que ata hai pouco era o batería dos Fleet Foxes as cousas vaian quedando máis clara. Tillman tocaba ás 4 da tarde no Auditori, pero logrou congregar a un grupo bastante decente de xente á que descolocar e namorar a base de chistes, cancións con letras comentadas, unha voz perfecta e movementos de cadeira do máis suxestivos. Deixemos unha cousa clara: Joshua Tillman é posiblemente o home máis guapo que endexamais teña visto (si!) e el é consciente do seu atractivo. Quizais algunhas partes do festival de humor entre canción e canción sobrasen, pero son fáciles de perdoar. Tillman ten tamén moitísimo talento, un disco como Father John Misty moi bo no que quere facernos bailar e todos os seus temas saíron ben parados sen banda.

– Sharon Van Etten. O último disco de Sharon Van Etten, ‘Tramp’, é o disco no que rompe co folk. Sharon está enfadada, o que se transmite en guitarras eléctricas e en letras cheas de tristeza e resentimento. Como soa o disco en directo? Igual de ben: cunha banda fantástica formada por batería, guitarra eléctrica e baixo/teclados/coros (Heather W. Broderick, irmá de, a rapaza que o fai todo), unha Sharon vestida de negro e cun punto un pouco borde ás veces cantou todas esas cancións, con miradas tamén ao pasado como Save yourself, e deixounos a todos co estómago encollido e un pequeno nó na gorxa. Sharon Van Etten é emoción en todas as súas vertentes. Unhas horas máis tarde repetía cun concerto acústico, momento que aproveitamos para preguntarlle cando vai volver por Galicia (está a intentalo!) e para que nos enchese unha disqueficha.

– Lisabö. Confeso, antes de crear inimigos, que só fun a ver a Lisabö para poder confirmar o que sospeitaba, que non me gustan. Non dubido da súa calidade, pero vaia, eu levo en xeral mal os decibelios, non mo botedes en cara. A reacción do público deixou claro que foi un concerto intenso e bo (parece ser que non saben dar malos concertos), mentres eu observaba abraiada desde as gradas.

* Kings of Convenience. Hai ser moi valentes para saír ao escenario dun festival con tan só dúas guitarras acústicas, cantar en baixiño e esperar que a xente te escoite. Pero a estas alturas, Erlend e Eirik poden facer case o que queiran, que sempre terán público. A primeira parte do seu concerto foi así, cos problemas evidentes do formato derivados da xente que decide quedar para falar na actuación de Kings of Convenience (porque non hai que gritar). A segunda metade foi sorprendente: saíu a banda e de súpeto Kings of Convenience foron funky e fixeron bailar a todo o mundo. Parece que Erlend bota en falta a The Whitest Boy Alive e está a introducir o estilo nos directos de KoC. O resultado foi unha festa de baile na que xa non molestaba a xente que falaba porque, simplemente, deixaron de facelo para concentrarse na música.

Kings of Convenience 03 Eric Pamies

Kings of Convenience. Foto | Eric Pamies (Primavera Sound)

– Josh T. Pearson. Sacrifiquei a Beach House porque intuía que ía a estar demasiado ateigado de xente e que o son podería non ser bo. Á mesma hora tocaba no Auditori Josh T. Pearson, a quen quería ver desde que o descubrín o ano pasado co tristísimo disco ‘Last of the country gentlemen’. Esperaba unha experiencia profunda e depresiva, axudada polo son perfecto do Auditori. O que obtiven foi moito máis: ademais desa experiencia profunda e depresiva cando Pearson tocaba os seus longuísimos temas, saín do Auditori con bágoas nos ollos e dor abdominal de rir tanto. Rir? Si. Tras tres cancións, alguén lle pediu a Pearson que contase un chiste. Ese alguén sabía claramente que estaba a facer: Pearson empeza cos seus chistes sobre cabras e non pode parar. O contraste é forte e desconcertante. O exercicio é só apto para cerebros sans. Todo o mundo sorría cos ollos moi abertos ao saír sen entender moi ben o que acababa de vivir.

* Yo La Tengo. Tras cear con Saint Etienne de fondo, fixen o que dixera que non ía facer ese día: volver ao escenario Mini. Fíxeno para ver a Yo La Tengo e confirmar que non fora boa idea. Non por eles, que fixeron un concerto moi digno con bastantes hits e todos eses contrastes que nos que pasan dos momentos máis ruidosos aos máis pop sen se despeitear, senón, unha vez máis, polo escenario. Si, si, outra vez o escenario Mini premiou a todos os que fixeran a peregrinación ata el con problemas de son e un volume moi baixo que facía demasiado sinxelo atender máis ás conversacións que estaba a ter lugar ao teu redor que á banda.

Foto de portada | Eric Pamies (Primavera Sound)

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *