Os festivais que veñen: marzo 2012

FIV VilalbaDespois de ficar agochados na casa durante case seis meses, xa podemos case cheirar a primavera. E si, aínda falta un mes para que chegue de forma oficial, pero os días son xa máis longos e o sol do ceo fai que queiramos saír da casa sen abrigo (erro provocado por un optimismo extremo que se soluciona volvendo a entrar, collendo o abrigo e a bufanda, e disimulando). Como facer a espera máis amena? Indo a festivais! Porque si, en marzo estes xa empezan a florecer nos calendarios. Coma sempre, recomendamos un en Galicia, outro en España e outro no estranxeiro!

– En Galicia. FIV. Vilalba (Lugo), 30 e 31 de marzo. Porque o FIB non sempre ten que ser con “b”. En Vilalba teñen o seu propio festival internacional que este ano trae ao máis granado do indie nacional. Si, a moitos deles estás farto de velos (Delafé y Las Flores Azules, Sidonie), pero outras propostas están algo menos gastadas (El Columpio Asesino, Corizonas) e é posible que a outros nin sequera os teñas visto (Fuel Fandango, Grises). A representación galega vén a cargo de EME DJ e Catpeople.

– En España. Twin Palm. L’Hospitalet de l’Infant (Tarragona), 9 e 10 de marzo. Es un dos nosos lectores desprazados en Cataluña? Apetéceche una viaxe preprimaveral ao Mediterráneo? O Twin Palm é unha boa excusa: trátase dun festival irmán do Palmfest que nace este ano cun cartel perfecto para amantes do pop. Temos a Sr. Chinarro, aos fantásticos Evripidis And His Tragedies (fans dos primeiros Belle and Sebastian, escoitádeos!), ao cantautor Espaldamaceta, aos divertidos (e raros) Don Simón y Telefunken e ao sorprendente one-man-band Caustic Roll Dave.

– No estranxeiro. Vodafone Mexefest. Porto (Portugal), 2 e 3 de marzo. Un festival que non entendemos como non está a ter máis repercusión: 40 euros e un cartel impresionante. Temos St. Vincent, Cass McCombs, Josh Rouse, The Dø coma grandes cabezas de cartel internacionais. Pero ademais cremos que o máis interesante deste festival é a cantidade de grupos portugueses que ten no cartel, toca perderse pola cidade (os escenarios están repartidos por todo Porto, en teatros, cines e cafés) e deixarse sorprender!

Foto | FIV Vilalba

Shares

1 comentario

  • brian_habana di:

    é surpreendente que se recomende como “nacional” um festival situado a 1.000 km da minha casa e estrangeiro um a 100 km, deveriamos reflectir sobre isso e tirar algumas etiquetas que já não significam muito. Parabéns pelo site, acompanho sempre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *