Vídeos para a fin de semana: os mellores videoclips de febreiro

Lembro as épocas nas que tiven VH1 na casa coma épocas de perigosa felicidade asocial. Videoclips, un tras outro, sen ter a oportunidade que ofrece Internet de cambiar a outro se un non che gusta. Tamén lembro un bar en Compostela no que tiñan cervexa moi barata e unha pantalla grande con VH1 e no que pasamos bastante tempo só vendo e comentando os videoclips. Si, son adicta, aínda que confeso que nos últimos anos a facilidade de YouTube matou un pouco a miña obsesión polos vídeos musicais. Ata agora. Aproveitando a nova sección de “Vídeos para a fin de semana” de Disquecool podo volver con escusa á miña temprana paixón. Estes son os mellores videoclips que deu febreiro na miña humilde (pero experta) opinión.

9. Bombay Bicycle Club – How Can You Swallow So Much Sleep?
Pequena marabilla stop-motion da que non veñen á miña cabeza moitas máis palabras que “beleza”. Un soño no que o ceo e a auga e a Lúa e as medusas se mesturan e confunden.

8. Unknown Mortal Orchestra – Strangers Are Strange.
Se algunha vez tendes que lle explicar a alguén que signfica exactamente a expresión “WTF”, este vídeo é unha boa forma de facelo. Trátase dunha bonita peza na que os Unknown Mortal Orchestra decidiron darlle sentido ao título da canción. Si, todo é moi estraño, e a estética de serie dos 70 non axuda. Non axuda a entender, claro, en realidade o vídeo case engancha do raro sen sentido que é.

7. Tanlines – Brothers.
Que ten de especial este videoclip? A tecnoloxía: si, é só un tipo cantando no sofá e outro na tele, pero se pasas o cursor sobre o vídeo verás que se converte nunha pequena man. Pincha e arrastra. Oh! Podes xirar a imaxe como queiras e explorar o cuarto! 360 graos!

6. BFlecha – Qvasi Naves.
A representación galega vén da man da dj BFlecha cun videoclip no que pon a todo o séquito de Cleopatra a bailar ao seu ritmo. Unha gran produción? Si, pero non para o vídeo: as imaxes son da ‘Cleopatra’ de Elizabeth Taylor, manipuladas para que coincidan co tema (si, si, como lle pasou a Conde Roa). O resultado é bastante curioso.

5. Jack White – Love Interruption.
Vale, aquí non se trata tanto do videoclip coma da canción. Ai, xa vai un ano desde que The White Stripes anunciaron que xa non máis e parece que o disco de Jack White en solitario non vai defraudar. Que canción! Que letra! E o vídeo? O vídeo é tan sesenteiro e bonito que ben paga a pena velo.

4. St. Vincent – Cheerleader.
Isto son xa palabras maiores. Unha das mellores cancións dun dos mellores discos do ano pasado estrea videoclip fantástico e inquietante: Annie Clark é unha escultura xigante nun museo que de súpeto cobra vida. O final é, xa vos avisamos, bastante tráxico.

3. Rusos Blancos – Tus padres, tu novio, tú y yo.
O título promete, verdade? Pois o vídeo vai exactamente diso. Unha produción low-low-cost, cos membros da banda como actores (e algún cameo) e momentos verdadeiramente grandiosos. Pero é que a letra é grandiosa. (Si, son unha pequena debilidade persoal miña, se non os coñeces vai por favor a escoitar temazos coma Gorka o Cabano ou (Todo Es Tan) Teenager.

2. The Shins – Simple Song.
Como andades de inglés? Un enterro no que o morto se gravou en vídeo dicindo aos seus fillos que non sabía a cal deles deixarlle a casa, así que non escolleu a ningún: a decisión tomaráse a través dunha especie de busca do tesouro (oh, pero hai trampa!).

1. OK Go! – Needing/Getting.
A presión que deben de ter estes rapaces enriba cada vez que teñen que sacar un videoclip novo debe de ser abafante. Como seguir superándose vídeo tras vídeo? Pois por exemplo así: gravando a canción en cuestión nun coche que vai facendo a música a medida que avanzan nun circuíto. Por suposto, xa é máis que viral, pero é realmente impresionante!

Shares

1 comentario

  • Antía di:

    “Lembro as épocas nas que tiven VH1 na casa coma épocas de perigosa felicidade asocial. Videoclips, un tras outro, sen ter a oportunidade que ofrece Internet de cambiar a outro se un non che gusta.”

    Alondras’ 4ever.

    <3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará