Ruth Matilda Anderson, fotografando Galicia no 1924

Ruth Matilda Anderson

No 1924, a Hispanic American Society encargoulle a unha das súas fotógrafas que marchase a Galicia a intentar capturar todas as cousas que os tempos modernos estaban a facer desaparecer. Como ela, outros fotógrafos ían percorrer outros recunchos de Europa na procura do máis enxebre, do máis típico. Ruth Matilda Anderson, que acababa de facer 30 anos e que estudara para mestra (aínda que a fotografía – profesión do pai – acabara tirando máis e comezara a formarse tamén nese campo), fixo as maletas e, acompañada por Alfred Anderson, o seu pai, marchou para Galicia. Entre 1924 e 1925, Ruth Matilda e Alfred Anderson percorreron Galicia, fotografando profesións de sempre, capturando recunchos sorprendentes e facendo inventario dos traxes típicos galegos. Ruth voltará entre 1925 e 1926 con outra fotógrafa da The Hispanic American Society, Frances Spalding, para rematar a expedición censal de como era Galicia nos anos 20.

Da viaxe quedan unhas 5.000 fotografías (que foron a base para exposicións e para un libro, Ruth Matilda Anderson. Fotografías de Galicia 1924 -1926, coeditado no 1998 pola The Hispanic Society of America e a Xunta de Galicia, que é de onde sae case toda a información deste artigo) e uns diarios que Alfred Anderson escribiu durante a súa aventura. “O xoves pola mañá Ruth estivo a chorar un pouco porque parece que as composicións de fotos non lle saen tan como ela cre que lle debería saír”, escrebe o pai no primeiro de novembro de 1925. No Nadal están na provincia de Lugo, polas beiras do río Sil, e pasan tanto frío que Alfred fai inventario das 9 capas de roupa que leva postas. Tamén fai recompilatorios do que comen (polo, peixe e amorodos para xantar o 21 de xuño) ou das cartas que reciben da casa (como a que lle narra a voda de Miriam, outra das fillas).

Ruth Matilda e o seu pai viaxan pola xeografía galega, cun automóbil de aluguer que conduce un francés, hospedándose en fondas de mala morte e cun presuposto limitado. Improvisan cuartos escuros para facer os revelados nas habitacións nas que se aloxan e aproveitan o tempo que pasan nas cidades galegas para facer algo máis que fotografar traxes e costumes que o paso do tempo fará que se evaporen no aire. Nas semanas nas que están na Coruña, por exemplo, teñen un profesor que lles dá leccións de castelán. Ruth móstrase tamén interesada pola historia galega e le a Rosalía de Castro, a Murguía e a outros autores similares.

As súas fotos escapan aos aspectos da Galicia máis urbana. Nada dos cafés que comezan a aflorar en Vigo ou A Coruña e os seus novos edificios de factura moderna. Nada das rúas cheas de ruído das urbes ou dos barcos transatlánticos. O que Ruth Matilda Anderson captura é o universo rural, as clases menos favorecidas e os elementos máis exóticos para o ollo do espectador que verá as imaxes na Nova York dos Felices 20. Tecedeiras, redeiras, aldeáns de visita en Santiago, vendedores de churros, mulleres que carrexan algas, pequenas leiteiras e cemiterios engalanados no día dos Defuntos son algunhas das temáticas que enchen as súas fotografías, retrato da Galicia menos afortunada (e maioritaria) da época do charlestón.

Foto |  xornalcerto

Shares

13 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *