5 libros para entender o universo Mad Men

Mad men Tempada 6

Este domingo AMC estreará a nova tempada de ‘Mad Men’, unha das series de televisión máis influentes dos últimos anos. Cada comezo de nova tempada é agardado con entusiasmo polos seus seguidores en todo o mundo, que non poden sobrevivir sen saber que é dos publicistas de Sterling Cooper Draper Pryce. Ademais, o creador da serie, Matthew Weiner, xa anunciou cando rematará, polo que todos sabemos que estamos ante as derradeiras tempadas (o que leva a consumilas con máis entusiasmo). Para entreter esta – curta – espera ata que comece de novo, velaí van algúns libros moi Mad Men.

‘Sterling’s Gold. Wit & Wiscom of an Ad Man’. Unha entrada máis para a lixeiramente inquietante lista de libros escritos por un personaxe: velaquí están as memorias de Roger Sterling. Nunha das pasadas tempadas de ‘Mad Men’, Roger Sterling, o cofundador da orixinal axencia de publicidade na que traballaba Don Draper, comezaba a escribir as súas memorias como home importante que era da industria da publicidade estadounidense. Nun exercicio de metaficción, o libro deu o salto á realidade e foi editado en formato papel do de toda a vida. Roger Sterling comparte cos lectores as súas opinións sobre a publicidade, a vida e os negocios, adicando o libro “a todos os homes que aínda usan sombreiro e ás mulleres que os aman”. Unha curiosidade máis que unha boa lectura pero unha mostra clara do que deu de si todo o asociado á serie.

– ‘O mellor da vida’, de Ronna Jaffe. É unha das fontes nas que se inspiraron os creadores da serie para darlle ese toque a realidade a ‘Mad Men’. A novela de Rona Jaffe é contemporánea aos tempo das primeiras tempadas. Publicada en 1958, a historia segue as vivencias de catro mozas en Nova York, que comezan como secretarias nunha editorial en xaneiro de 1952. Jaffe foi ela mesma traballadora do mundo editorial nos anos 50. Comezou de administrativa e rematou sendo editora adxunta, aínda que o que sempre quixo ser era escritora. Un día un produtor de Hollywood contoulle que andaban na procura dunha novela que contara como era o mundo da muller traballadora contemporánea, para facer unha película. Rona Jaffe púxose mans á obra. Baseouse nas súas propias experiencias e nas das mulleres reais que traballaban como secretarias e administrativas na cidade (fixo unha chea de entrevistas). O libro é por tanto bastante realista e conta sen censura (si, hai sexo, abortos e decepcións) como era ser unha muller traballadora nos anos 50. En castelán está editado en peto.

– ‘Mad women’, de Jane Maas. O seu subtítulo é bastante claro: a outra cara da vida en Madison Avenue. A autora foi unha das primeiras mulleres da industria publicitaria en Nova York e, aínda que o reclamo está xa moi manido (creo que en todos os artigos que lin antes de ler o libro o mencionaban), é a historia das Peggy Olson reais. Peggy é unha das personaxes máis populares da serie e que consegue espertar máis empatía. O seu papel non é nada sinxelo e practicamente todos os seus compañeiros se esforzan por poñerlle as cousas difíciles. Pero ela conseguiu ascender dende secretaria ata copy directamente polo seu talento.

Jane Maas non tivo que pasar por ese trámite. Ela entrou directamente como creativa publicitaria, tras pasar unha tempada como produtora en televisión. O seu libro é un ensaio sobre o que era ser muller e publicista nos 60, baseándose nas súas experiencias e nas das súas compañeiras. Un mundo no que tiñas que deixar de traballar cando estabas embarazada (porque ninguén quería ver unha muller esperando un neno na oficina), no que a conciliación non existía (á súa filla máis vella fixéronlle sentir mal na escola porque tiña unha nai que traballaba) e na que cando casabas todo o mundo agardaba que acabase a túa carreira (nas axencias había normas que impedían que se dous traballadores se casaban seguisen traballando xuntos!!): así era ser muller no mundo real de ‘Mad Men’. O libro é moi interesante e de lectura moi rápida, aínda que non esperedes grandes críticas ou escándalos porque Jane Maas foi demasiado feliz no seu traballo como para facer algo así. En castelán está editado por Lumen.

‘The Unofficial Mad Men Cookbook: Inside the Kitchens, Bars, and Restaurants of Mad Men’, de Judy Gelman e Peter Zheutlin. Amazon é unha mina cando se amplía a investigación bibliográfica, sobre todo se se abre o inglés. A serie recuperou unha chea de elementos e sobre todo converteuse nunha guía do que eran o final dos 50 e o principio dos 60 (vale que en España non era así, pero ‘Cuéntame’ non ten tanto glamour). Os seus creadores coidaron de modo enfermizo todos elementos, así que a comida e as bebidas que os seus personaxes toman son completamente realistas. Que mellor que un libro de cociña para imitalos? Ao rebufo do éxito da serie, tamén apareceron libros de cócteles aínda que non hai porque mercalos: a propia AMC lanzou unha guía para beber o mesmo que Draper e compañía. O libro está en inglés en Amazon.es, tanto en formato papel como Kindle.

‘Confessions of an Advertising Man’, de David Ogilvy. Xa postos a aventurarse no mundo da publicidade, por que non facelo co verdadeiro rei dos anuncios da época? David Ogilvy é o verdadeiro pai da publicidade moderna (e non Don Draper), así que as súas memorias son unha lectura case obrigada para o noso obxectivo revival. Non parece sinxelo facerse coa versión en castelán (é dos 90) pero en inglés está a un click de distancia.

Foto| AMC

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *