Novas verdades universais da Moderna de Pueblo

Los capullos no regalan flores

Hai varias verdades universalmente coñecidas sobre como se comportan os modernos en Madrid. A primeira é que o barrio de Malasaña, esa zona que vai dende a glorieta de Bilbao ata a Gran Vía, é o espazo no que se concentran en maior densidade de poboación (aínda que non todos poden vivir aí, si é certo que nas horas de ocio acoden como en efecto chamada). A segunda é que unha presentación dun libro moderno na libraría máis amada dos que ademais son culturetas vai ser o evento ao que ningún moderno que se prece pode faltar. Foi o que pasou o martes, cando Moderna de Pueblo (en realidade o seu alter ego humano, Raquel Córcoles) presentou á última entrega das súas aventuras, ‘Los capullos no regalan flores’ (editado por Lumen), na libraría – vinoteca Tipos Infames. Había tanta xente que era ata difícil conseguir entrar.  O que si era moi doado era ver modernos. Habíaos ás mans cheas, facendo o que máis lles gusta: beber, estar parados cunha copa na man e agardar por algo tan intelectual como a presentación dun libro. E máis cando é a nova entrega dunha banda deseñada de culto entre os modernos.

Moderna de Pueblo

“‘Los capullos no regalan flores está feito’ con moito cariño”, explicou Raquel Córcoles na presentación do libro. “Creo que vos gustará ás rapazas da miña xeración”, asegurou, porque, dixo, demostrará que hai homes “aos que terlles rancor acumulado”. “Aos homes tamén lles gustará”, engadiu, “porque falei con eles e séntense orgullosos de ser uns capullos”, bromeou. Pouco máis dixo a autora na presentación, antes de adicarse a percorrer a sala para asinar os exemplares do libro, que estaba así uns días antes a disposición do público xa que non saía en librarías ata hoxe (Consello para os escritores: por moi mainstream que sexa non renunciedes á mesa para asinar libros e á fila de interesados. É máis práctico, máis lóxico e menos complicado).

Se na súa primeira historia Moderna de Pueblo explicaba como era a reconversión dunha rapaza de pueblo nunha moderna capitalina (calquera que nacera nun lugar sen El Corte Inglés entra na primeira das categorías) e cales eran as claves básicas para poder identificarse como definitivamente moderna, desta volta comparte a súa sabedoría sobre os homes. ‘Los capullos no regalan flores’ é unha nova volta á idea que deu xa para tantos libros pero que aínda sigue despertando ben de interese de os-homes-son-parvos-e-chungos-pero-non-podemos-evitar-caer-sempre-nos-seus-trucos. Neste caso, os diferentes arquetipos de tipos malvados e/ou que non che van facer ningún ben (xa sabedes, o Peter Pan eterno, o perdonavidas ou o sabichón repelente, entre outros) veñen pasados polo tamiz da modernez. Unha lectura divertida que ben vale para pasar un anaco algunha tarde.

Fotos | Moderna de Pueblo | Lucía 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *