Os festivais (galegos e portugueses) que veñen: xullo 2015

SinSal2014-4_BellBeeBee

Agora si. Temos sol, calor, os de costa xa puidemos desfrutar de máis dun chapuzón na praia e cústanos crer cando remata a fin de semana que de verdade non estamos de vacacións. Queremos facer cousas, saír ao aire libre, desfrutar das raiolas de sol (ou fuxir delas, que tampouco hai que pasarase) e sentir que o tempo se para só para que poidamos respirar e ser máis felices. Ademais, as fins de semana están xa cheas de opcións festivaleiras para as que non hai que ir moi lonxe. Iniciamos un ano máis a nosa edición estival dos festivais que veñen, centrándonos en eventos que terán lugar aquí en Galicia e alí, tan preto, en Portugal:

Festival do Norte

Illa de Arousa (Pontevedra), do 3 ao 5 de xullo. Xa afincados na illa de Arousa desde hai un par de edicións, o Festival do Norte xa non abre o verán como antaño, pero segue a ser un dos imprescindibles. Este ano estarán Hercules and Love Affair, Neil Halstead, Javiera Mena, Standstill (que se separan, quen sabe se os poderás volver a ver!), Glass Animals, Grupo de Espertos Solynieve, Dorian, etc. E o abono son só 40 euros.

– NOS Alive

Lisboa, do 9 ao 11 de xullo. O festival-anteriormente-coñecido-coma-Optimus-Alive cambia de nome pero non de espírito e segue a ser deses que traer un dos carteis máis fortes (en canto a caché polo menos) da temporada. Alt-J, The Prodigy, Muse, Metronomy, Django Django, Ben Harper, Mumford & Sons, Counting Crows, e un longuísimo etcétera (o cartel é de feito bastante inabarcable). Os abonos de tres días están esgotados, pero aínda podes facer algunha combinación cos de dous días, que están a 89 euros (sen acampada)

– Portamérica

Nigrán (Pontevedra), do 16 ao 18 de xullo. The Divine Comedy. Deixaríamos aquí as razóns, pero quizais non todos sexades coma nós e non vos chegue con volver a ver a Neil como razón para ir a un festival (debería!), así que comentaremos máis cousas: tocan tamén Gorillaz Sound System, Neuman, Siniestro Total, Xoel López, Supersubmarina, ou Vetusta Morla entre outros. Ademais, para os que vos queixades de que de festivais sempre se come mal, este non será o caso: a comida correrá a cargo de 20 chefs, dez dos cales teñen Estrella Michelín! Os abonos, desde 45 euros. (E The Divine Comedy!)

– Resurrection Fest

Viveiro (Lugo), do 15 ao 18 de xullo. Non todo é indie, por moito que nos empeñemos en vivir á marxe doutros estilos musicais (sendo conscientes de que dicir que o indie é un estilo e ir bastante equivocados). Se sodes máis de sons duros e decibelios altos, de mover as vosas melenas de arriba abaixo e de, en definitiva, o hardcore, metal, punk  e derivados, este é o lugar ao que debedes ir. Korn, Motorhead, Refused, Fear Factory, Backyard Babies… O abono de tres días está a 89 euros.

– Super Bock Super Rock

Lisboa, do 16 ao 18 de xullo. Outro deses festivais ateigados de grandes nomes que é, polo menos, a oportunidade de ver a moitos músicos pagando case o mesmo que pagarías por un concerto deles en solitario (suposición, en realidade, canto custa un concerto de Sting?). Ademais do ex The Police, estarán Blur e Noel Gallagher (pero sen morbo, que agora son todos amigos), Florence + The Machine, FFS (Franz Ferdinand + Sparks), Bombay Bicycle Club, The Vaccines, dEUS, The Drums, Perfume Genius, Toro y Moi… O pase de tres días por 95 euros.

– Festival Sinsal

Illa de San Simón (Pontevedra), do 24 ao 26 de xullo. Xunto co Festival do Norte e o Portamérica (e o Marisquiño, que será en agosto), o Festival Sinsal é parte dos festivais #RíasBaixas, unha marca que veñen de anunciar hai uns días para potenciar a relación entre música, cultura, territorio e turismo. Un ano máis, Sinsal segue apostando polo cartel secreto e ampliando días: desta volta, o sábado será o día grande, pero o venres tocarán grupos distintos e o domingo haberá só algúns repetidos do sábado. Os abonos para venres e sábado e as entradas para só o sábado están esgotadas, pero aínda podedes conseguir ir o venres e o domingo. E coñecendo a traxectoria de Sinsal, xente que consegue que vaiamos a un festival a cegas, valerá a pena.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *