Xogar ao parchís no café máis cool

snakeslagers

Amantes dos xogos de mesa, sabemos como vos sentides. Esas miradas dos amigos cando propoñedes quedar na casa a xogar ao Trivial, intentar que non se vos note o brillo nos ollos cando entrades nun bar no que hai xogos de mesa, finxir que ese Tabú que vos trouxeron no Nadal foi unha idea rara dos vosos pais e non estaba escrito en letras grandes nesa carta que aínda fas cada ano. Nunca perdestes a esperanza, sabiades que cada vez máis o momento estaba máis próximo. Se calcetar, coleccionar selos, facer tartas e ata xogar á petanca é cool, o dos xogos de mesa non podía estar lonxe. Si, xa está aquí. Espera un par de meses para a revolución. Os xogos de mesa molan outra vez.

Estamos un pouco a ler o futuro, pero hai unha razón. En setembro abrirá en Hackney, un dos barrios guais de Londres (un dos xentrificados, xa sabedes, con disturbios e hipsters convivindo felizmente), Droughts. Eles preséntanse así, sen vergoña, de cara. Din que son o primeiro café londinense de xogos de mesa. Porque son algo máis ca un bar con xogos.

Son conscientes do que pensa todo o mundo. Toda a vida houbo bares con xogos de mesa. Si, pero eles teñen 500 onde escoller. Non é moi cedo para falar de tendencia cando este café podería sinxelamente fracasar? Non. Son os primeiros de Londres, pero non os primeiros do Reino Unido. En xullo xa abriu en Oxford un, Thirsty Meeples, cunha oferta de 1.800 xogos. En Canadá hai outro desde 2010, Snakes and Lattes, con tanto éxito que xa teñen franquicia aberta. E está claro a quen vai dirixido: ademais dos xogos hai café bo e cervexa artesana. Queridos hipsters, tirade o dado.

Os donos, como contan en The Guardian, cren que a tendencia ten sentido. “Hai toda unha xeración que creceu xogando a videoxogos, pero que agora ten unha idade na que xa non quere pasar a tarde facendo iso”, di Toby Hamand, un dos responsables de Draughts. “Dirixímonos a xente de 20 e 30 anos que sente que xa lle pasou o tempo de saír e escoitar música rave, que queren facer algo distinto a beber cervexa no pub”. Se a cervexa é artesanal e ecolóxica, se o café é bo, se a decoración é bonita, se todo apunta a que estamos nun lugar cool… por que non escoller un dos centos de xogos á nosa disposición?

Na maioría deste tipo de cafés cobran unha pequena taxa por xogar -pagas esas 5 libras e xogas todo o que queiras-, pero a cambio ofrecen a seguridade de que calquera camareiro ao que lle preguntes saberá explicar as reglas do xogo. Algo non demasiado importante se estás co Trivial ou co Parchís (aínda que sempre haberá discusións sobre como son as cousas), pero básico se estás nun lugar no que hai máis de 1.000 xogos que escoller. (Existen tantos? De verdade?).

Para asegurar a abertura de Draughts, os cofundadores lanzaron unha campaña en Kickstarter na que levan xa máis de 15.000 libras recadadas (e pedían 10.000), cando aínda faltan dúas semanas para que peche. Tamén conseguiron un crédito bancario, así que parece que o capital tamén confía neles.

E non, non lles preocupa ter un establecemento cheo de ingleses bebendo cervexa e xogando (todos sabemos que este tipo de xogos sacan o peor de cada un). As pelexas non serán o problema. O malo serán as manchas de cervexa e café que co tempo irán acumulando os taboeiros.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *