Shuffleboard: o novo deporte de avós dos hipsters de Brooklyn

shuffle

Agora que estamos en plenas olimpíadas de inverno (chegando xa ao final), é posible que de tanto ver deporte na tele de súpeto empezases a notar esa estraña sensación que xa ía moito que non notabas: o desexo de, ti tamén, poñerte as túas mellores galas deportivas e saír a facer algo de exercicio, a exercitar eses músculos adormecidos polo inverno, aproveitando que vai frío e quizais consigas non suar moito. A inspiración dos xogos de inverno é clara, queres adicarte ao curling, pero por estes lares non é moi fácil. Que deporte empezar? Únete á nova moda de Brooklyn: o shuffleboard.

O shuffleboard, para entendernos, é o equivalente á petanca en Estados Unidos, é dicir, o clásico xogo que todo o mundo asocia coa xente maior. Esixe pouco esforzo físico e pode xogarse nun parque, que máis fai falla? Como se xoga? Un triángulo debuxado no chan, dividido en varias partes. O vértice que mira cara a ti é o que vale máis, a base é o peor (resta 10 puntos!). Ti estás a certa distancia e, coa axuda dun pao longo de madeira, golpeas un disco de teixa que se desliza pola pista ata o triángulo. O obxectivo, por suposto, é que quede nos 10 puntos. Unha mestura entre bolos, golf e petanca. Viva!

Era en realidade só cuestión de tempo que o xogo fose recuperado polos hipsters, xa que reúne varias características desas que fan que sexa o deporte perfecto: é un xogo de avós (e todo o que fan os avós mola), é moi difícil suar durante a súa práctica, permite facer outras cousas mentres non te toca como beber, e ata ten unha historia con moito pedigrí: aínda que hai disputas sobre onde naceu e como, si se sabe que o rey Enrique VIII era bastante aficionado. Para darlle máis clase prohibiulle ao pobo xogar (só os nobles podían) e se sabe que non sempre gañaba, xa que nalgúns documentos da contabilidade real aparecen gastos co asunto “Pagados a Sir William xa que gañou, pola graza do Rei, ao xogo de shovelboard” (outra forma de referirse ao xogo).

A tendencia foi digamos que creada polos responsables do primeiro local de shuffleboard de Nova York, o Royal Palms Shuffleboard Club, que vén de abrir en Brooklyn, e que sumaron dous máis dous e chegaron á conclusión de que este xogo era the next big thing. Porque, amigos, primeiro os bolos foron resucitados polo Big Lebowski, despois o ping-pong tamén foi tomado polos hipsters, e agora parece que é o momento do shuffleboard. E xa existía este vídeo (moi práctico para entender o xogo) no ano 2009, no que un hipster de libro explica en que consiste este deporte de “emoción e aventura”, o “único xogo mellor ca o bingo”, polo que é case sorprendente que o boom non chegase antes.

O equivalente por aquí supoñemos que sería a petanca e en realidade se o pensades ben podería ter bastante éxito. Só é necesario que algún emprendedor valente e visionario se atreva a abrir un clube de petanca no barrio de San Pedro en Compostela ou no Casco Vello Alto de Vigo. Os modernos non tardarían en chegar.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *