Por que deberías celebrar o día internacional da filloa?

filloas ou chamalle crepes

O día 2 de febreiro de cada ano é o día internacional do crêpe. Todo comezou cunha festa cristiá en Francia e acabou por facerse carne de internet. O 2 de febreiro é o día da Chandeleur, a Candelaria (unha celebración católica na que se honra a María prendendo velas) aínda que, claro está e como é habitual, detrás hai unha tradición de festas precristiás de exaltación de diferentes cousas. Pero o que importa é que en Francia comezou a tradición de facer durante ese día crêpes, porque a data coincidía coa recta final cara a primavera e podían comezar a alixeirar as reservas de fariña (podedes ver este vídeo francés sobre o tema, co bonus track dunha cortinilla low cost e unhas luces de Nadal a modo de decoración chic). E o das velas e a igrexa foi quedando un pouco máis pasado de moda… pero por que non usar a tradición para comer crêpes?

A festa é unha desas habituais nas listas que se elaboran de datas curiosas que hai que celebrar e nas webs americanas aparece como o Día Internacional do Crêpe (como este exemplo). E é unha festa que realmente mola. Pensade neses crepes cheos de Nutella que venden nas rúas de París (se non estivestes en París ou odiades Francia por sistema, facede click para visualizalo) e teredes unha razón clara pola que hai que importar esta festa ao noso calendario. E sobre todo… como non celebrar o día internacional do crêpe cando nos temos a filloa? E que é unha filloa máis que a curmá do crêpe? As orixes da filloa son misteriosas, pero o parecido físico serve para ver o aire de familia. Así que habería que vampirizar o día e facerse directamente con el.

nutellaPrecisades razóns para convencervos?

– Sería un día de exaltación da cultura gastronómica galega, así que en realidade non estaredes comendo bombas calóricas senón celebrando, festexando e recuperando o noso patrimonio cultural.

– Podedes encher as vosas filloas con Nutella. E calquera cousa que pode levar dentro Nutella merece unha festa (Ferrero, podes mandarnos material para facer unha degustación).

– Posiblemente todos os medios desde que falan de cousas virais falarán nalgún momento desta festa (xa veredes!) Adiantádevos a BuzzFeed e conmemorade o día internacional da filloa antes de que sexa mainstream. 

– Este ano cae a domingo e… que mellor para a tarde do domingo que comer? 

– Son fáciles de facer, de verdade. Collede unha das millares de receitas que hai en internet (ou chamade á avoa, que será aínda mellor) e comprobádeo.

Fotos  Carlosfictoluisacontreras-87

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *