4 cadeas de cosmética que molan unha chea

Poden ser as cadeas cool? No mundo da cosmética e da perfumería, algunhas das máis recomendables apostas para non caer nos produtos de sempre da sección de cremas da droguería veñen de marcas con tendas propias e presencia mundial (e case masiva). Vale que non fan máis que repetirnos que as cousas en serie non son nada trendy, pero estas catro cadeas de cosmética molan unha chea.

lush1Lush. A súa presenza en tendas físicas na Península é bastante limitada (en España están en Santander e Madrid como puntos máis preto de Galicia, aínda que están en Braga e en Lisboa). De todos modos, a súa tenda online é tan completa como as tendas físicas e teñen varias estratexias para que os seus produtos cheguen sen problemas ao consumidor. Xa vos falamos nalgunha ocasión dalgún produto de Lush.

Naceron nos 90 en Reino Unido e dende alí deron o salto ao mundo mundial (están en 51 países e o arrecendo das súas tendas é bastante inconfundible!). Todos os seus produtos son feitos a man do xeito máis natural posible e non empregan animais para testealos. Ademais defenden que son unha compañía ética e apoian varias causas de defensa do medio ambiente. Teñen xabóns, cremas, exfoliantes e unha chea de cousas (especialmente recomendables as bombas de baño) que arrecenden estupendo e que habitualmente dan moi bos resultados. Non é barata, pero no mundo da cosmética moi poucos o son. Os seus produtos, iso si, son de consumo rápido. Como non levan conservantes, teñen unha vida limitada.

L’Occitane en Provence. Teñen tenda propia na Coruña (na Praza de Lugo) e os seus produtos están á venda en farmacias e tendas de cosmética nas provincias de Lugo, Pontevedra e Coruña. Tamén teñen unha cumprida tenda online. A marca, francesa, foi creada nos 70 para manter as tradicións da Provenza en materia de cosmética. Non é nada barata pero os seus produtos teñen unha calidade incrible. A crema para pés é case milagrosa e algunhas das liñas, como a de rosas, olen de forma espectacular. A crema de mans de karité vende un bote cada tres segundos en todo o mundo (realmente é moi boa) e teñen produtos para practicamente todas as necesidades de cosmética e perfumería que se podan ter.

Rituals. De todas as da lista é posiblemente a miña menos favorita. Tampouco están en Galicia, aínda que unha das vendedoras contábame hai nada que Vigo podería unirse pronto á lista de puntos de venta. Por suposto, todo se pode mercar na súa páxina corporativa. É unha marca holandesa, naceu co cambio de século e busca ofrecer cosmética que adapta os rituais ancestrais de variadas culturas. As tendas teñen un punto zen que a min non me acaba de convencer, pero hai que recoñecer que os seus produtos son bastante estupendos. A crema hidratante de arroz branco e flor de cereixo é definitivamente xenial: Altamente hidratante, cunha fragrancia boa e que dura moito tempo. Como Lush, non proban con animais e teñen unha política estrita de respecto ao medio ambiente. Colaboran con dúas asociacións para eliminar o plástico dos seus produtos exfoliantes.

KhielsKhiel’s. Teñen boutique en El Corte Inglés de Vigo e tenda online. Non levan en España moito tempo (chegaron en 2006 cunha tenda na rúa Fuencarral de Madrid) e antes eran un deses guilty pleasures de importación. Teñen máis de cen anos e comezaron como unha farmacia de estilo europeo en Nova York.

Todas as súas tendas teñen ese punto a medio camiño entre unha farmacia retro, con estantes que chegan ata o teito e frascos de aspecto ordenado e aséptico, e unha tenda trendy, cun sofá no que podes tomar un cafeciño mentres compras (si, hai unha cafeteira de acceso libre), unha lámpada de cristal de aspecto retro e un aire amistoso. O toque ‘científico’ pono un esqueleto vestido con bata médica, un habitual de todos os establecementos Khiel’s. Os seus produtos veñen con selo de os-que-usan-as-famosas e o de antes-aproveitaba-os-viaxes-ao-estranxeiro-para-mercalo. Son caros se os comparas coa cosmética do Mercadona, pero non tanto se pensas non toque exclusivo que teñen as súas fórmulas. Algunhas das cremas clásicas son iguais que as que vendían hai anos.

Shares

4 comentarios

  • Brian Habana di:

    não sei que sentido tem dizer que não temos o recurso de ir ao Porto se podemos ir a Braga comprar na Lush, até novo aviso Braga está bem mais perto do que o Porto. No Porto há lojas da Rituals, muitas http://www.lojj.pt/rituals/

    • Raquel di:

      Xa sabes que o que sentimos aquí por Porto está bastante preto do amor adolescente. Pero si, completamente certo, vanme quitar a metade do salario para pagarme unha pasantía de Xeografía! ;)

  • Sisangro di:

    Hai unha web de varias persoas que iniciaron o proxecto de Lush fai anos pero que deixaron de traballar coa firma inglesa e xuntaronse cun laboratorio para desenvolver seus propios produtos, moi similares aos de Lush, aínda non os probei, pero parecen moi similares, esta é a páxina: http://www.baracosmetics.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *