Probamos: Volcano de Lush, mascarilla… para pés!

No mundo da cosmética todos os produtos parecen superglamourosos. Nas páxinas das revistas de beleza recomendan sempre bases de maquillaxe, estupendos eyeliners ou, cando chega o momento, cremas anticelulíticas. Pero… que pasa cos pés? Que pasa cos produtos feos e un pouco humillantes para pés? A review cosmética de hoxe é a dunha mascarilla de aspecto pouco estiloso e nome que bota para atrás e destinada unicamente aos pés. Chámase Volcano e é de Lush (esa marca que tanto nos gusta polo arrecendo das súas tendas – aproveitade calquera viaxe polo mundo para cheirar unha delas – e os seus produtos feitos de xeito artesanal que che fan sentir que nada malo lle poderá pasar á túa pel por empregalos).

Mascarilla Volcano, de LushVolcano é a clase de produto que mellor ninguén che vexa utilizar (se o decides logo contar nun medio de referencia como é este… alá o teu problema! O dano que lle farás á túa imaxe chic xa non terá solución) porque, por moito que te esforces, non conseguirás facelo dun xeito que non sexa penoso. O aspecto da mascarilla, que vén nun tarro negro deses típicos de Lush (o meu feito por un tal Farad non hai moito), é bastante desalentador. Atoparás unha pasta gris, de cor espazo-post-industrial-apocalíptico, que non cheira nada ben. Nada ben en absoluto.

Tras pasar o primeiro trauma de apertura do bote, hai que botalo nos pés. Unta ben o primeiro e… empaquetao en film transparente!! Lembras esas mulleres e eses homes sempre ridiculizados nas películas por empaquetarse en film dos sándwichs para perder peso e quedar tipo top model? Pois iso é o que terás que facer con cada un dos teus pés. Se non tes film non desesperes: podes facer o mesmo cunha bolsa. A proba do laboratorio cosmético de Disquecool empregou bolsas de conxelación, o que lle deu un toque aínda máis ridículo e humillante cal castigo dos deuses do Olimpo ao proceso. Unha vez que teñas os pés empaquetados (e unha vez asegurada a non existencia de ningún ser humano que poida ver o teu ridículo aspecto), podes facer o que máis che apeteza. Ler, pensar como empezar unha crónica cosmética en Disquecool, cuestionarte se todo isto pagará a pena ou será unha parvada digna de que a túa nai che retire o saúdo… Terás un tempo para meditar, porque a máscara ten que estar dez minutos en barbeito para facer efecto.

Pasados os dez minutos, terás que retirar a mascarilla con movementos circulares. Semellará que non pasa nada (eu sempre agardo por algún efecto brutal tipo anuncio da tele tipo antes e despois). Aclara con auga ao final para eliminar calquera resto. Bota a túa crema de sempre para pés (ou algo hidratante para darlle o toque final).

Pagou a pena semellante esforzo, semellante humillación plasticosa? Paga. Os pés quedan sorprendentemente suaves, incluso nas tradicionais partes máis chungas, e sentirás que acabas de facer algo estupendo pola túa saúde  (os pés chungos non poden ser cousa boa!) O proceso é un pouco extremo, pero non moi complicado, así que calquera se pode lanzar ao encanto de Volcano.

Volcano está feita de arxila, aceite de limón, papaia, canela e tomates. O bote de 125 gramos sae a 9,25 euros.

Podes ler máis reviews de cosmética no noso ‘probamos’

Shares

1 comentario

  • eusi di:

    “Mascarilla?” e por que non “mascarita”? Ou mellor ainda, deixémolo en MÁSCARA que é o correcto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *